DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus Ourense de baloncesto acumula sete vitorias consecutivas

Despegue dos equipos femininos do campus

As xogadoras de rugby gañaron esta fin de semana na súa visita ao Zalaeta RC

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 23/01/2012

Unha fin de semana máis os diferentes equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense xogaron os seus encontros de liga con desigual sorte. Pero hai algo que destaca de xeito especial nos resultados de esta xornada e é o bo momento que están a vivir os equipos universitarios femininos dos dous deportes. O Universitario Campus Ourense feminino sénior de baloncesto acumulou a súa sétima vitoria consecutiva e sitúase nos postos de cabeza da súa clasificación. Pola súa banda, as xogadoras de rugby tiveron a súa primeira e clara vitoria de 2012 contra o Zalaeta RC. O deporte feminino de competición colle pulo no campus.

O Universitario Campus Ourense de baloncesto feminino sénior xogou o sábado contra o Compañía de María, conseguindo un resultado final de 65-57. Esta vitoria foi a sétima consecutiva para as xogadoras que adestra Roberto Rapela e colocou ao equipo nun destacado segundo lugar na táboa da súa categoría, empatado a nove vitorias e tres derrotas co primeiro clasificado, o Arxil Mafari Café, que mantén o liderado pola diferenza de puntos. O vindeiro sábado, día 28 de xaneiro, ambos equipos enfrontaranse nun encontro no que o Universitario Campus Ourense se xogará encabezar a clasificación, un obxectivo que a principios de liga parecía inalcanzable pero que cada vez está máis presente para o equipo.

Esta boa racha tamén a están a vivir o Campus Ourense Rugby feminino. As xogadoras están a competir na súa primeira liga despois de conseguir conformar equipo propio e estas primeiras vitorias están a consolidar a formación e o seu xogo. O sábado desprazáronse á Coruña para xogar contra o Zalaeta RC un encontro que finalmente gañaron 25-5 puntos. É a primeira vitoria de 2012 das xogadoras e un paso adiante nas aspiracións do equipo.

Desigual sorte para os masculinos

Tamén importante foi a vitoria do primeiro equipo do Campus Ourense Rugby sénior masculino nun difícil encontro fronte a Ferrol RC. Os ourensáns conseguiron un resultado final de 25-19 que os sitúa na cuarta praza da súa clasificación. En contra dos bos resultados nas categorías sénior, os cadetes do Campus Ourense Rugby sufriron unha derrota nun partido moi igualado no que os ourensáns ofreceron de todos os xeito unha moi boa imaxe fronte o actual campión da competición.

Tamén sufriron unha derrota os xogadores de baloncesto masculino sénior e os júnior. Os xogadores que adestra Javi Pérez perderon 47-40 contra o CB Sarria e sumando a súa segunda derrota consecutiva sitúanse sétimos na clasificación. Pola súa banda, o Campus Ourense Blanco Amor de baloncesto júnior perdeu 64-57 contra o Porriño Bto Base Canteiras A nun disputado encontro.