DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito acolle este mércores e xoves as Xornadas San Raimundo de Peñafort

E despois da carreira... seguir estudando ou buscar traballo?

Un amplo abano de profesionais ofrecen orientación académica e laboral aos asistentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/02/2013
Docentes, investigadores, fiscais, avogados, procuradores, visitadores médicos, técnicos, xefes de servizo e un longo etcétera de posibilidades profesionais son as que teñen os titulados universitarios en Dereito. Para coñecer de primeira man en que consiste realmente o traballo que se realiza nestes postos e que formación específica precisan para chegar a ocupalos, a Facultade de Dereito dedica este mércores e xoves as Xornadas San Raimundo de Peñafort do Curso 2012/2013 a falar do porvir que lles agarda aos novos egresados.

As xornadas, que levan por título, E despois da carreira que?, están organizadas pola Facultade de Dereito, a Delegación de Alumnos do centro, o Comité Universitario Campus Ourense CUCO e Xóvenes Estudantes de Ourense co gallo da conmemoración do patrón dos xuristas, San Raimundo de Peñafort. Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito, e Andoni Bruña, presidente da Delegación de Alumnos, foron os encargados de inauguralas este mércores animando aos futuros egresados a coñecer e a aproveitar as posibilidades profesionais e formativas que existen. “A persoa que estuda Enfermaría sabe que case con toda probabilidade vai ser enfermeiro ou enfermeira. Sen embargo, un estudante de Dereito non necesariamente vai ser avogado, ten un abano moi amplo de posibilidades profesionais nas que pode exercer”, destacou Roberto Bustillo durante o acto de apertura. “Cando nos apuntamos na carreira soñabamos con ser avogados como os das películas, pero a realidade é moi diferente e estas xornadas queren achegarnos precisamente esa realidade”, engadiu Andoni Bruña.

Orientación académica

Trala inauguración oficial, este mércores celebráronse dúas mesas redondas centradas en como os titulados nesta área poden continuar os seus estudos xurídicos en Ourense ou fóra da provincia. Na primeira delas participaron Mª Dolores Fernández, secretaria da Facultade de Dereito; Marcos Vázquez, director da Escola de Práctica Xurídica; Ana María López, vicedecana do Colexio de Procuradores, e os avogados Elena Fraga e Benito Rodríguez. A docente Ángela Coello, a investigadora Laura Movilla e os licenciados Elena González, Lorena Quintairos e Francisco Javier Rodríguez foron os encargados de falar das oportunidades académicas que existen fóra de Ourense nunha mesa moderada por Brais Muñiz e Virxilio Rodríguez.

O Máster en Avogacía, que este ano se ofertou por primeira vez no campus en colaboración co Colexio Provincial de Avogados de Ourense, foi o gran protagonista desta sesión, pois os novos graduados en Dereito deberán realizalo para poder optar ao exercicio profesional como avogados despois de pasar un exame. “Este curso ofertouse pero non será impartido ata o vindeiro, cando xa teñamos a primeira promoción de graduados na facultade que van precisar realizalo”, destacou Roberto Bustillo facendo fincapé na importancia de dar resposta rápida desde a Universidade ás necesidades formativas dos seus estudantes e egresados.

E orientación laboral

As xornadas continuará este xoves con dúas mesas redondas nas que se falará sobre as oportunidades de traballo tanto no sector público coma no privado. Para falar do eido público estarán a docente Susana Álvarez; a fiscal Rebeca Rodríguez; o xefe de servizo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil Iván Quintana e o técnico da Concellaría de Cultura de Ourense Anxo Fernández. Para falar do traballo dos xuristas no ámbito privado estarán a avogada Ana Fernández; a procuradora Sofía Juiz; Lucía Botana, do Departamento de Medio Ambiente do Grupo COREN e o visitador médico Alejandro Nóvoa. Un amplo e diverso abano de profesións que pretenden servir de orientación para os asistentes a esta iniciativa.