DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actos de despedida do alumnado de último curso de Dirección e Xestión Pública e de Comunicación Audi

Despois de catro anos, chegou o momento de dicir adeus

Os profesionais Pablo Figueroa e Emma Lustres exerceron de padriños das promocións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 10/06/2011

“Valedes máis do que pensades así que moito ánimo”. Estas foron as palabras máis repetidas nos dous actos de despedida organizados este venres polo alumnado de último curso de Dirección e Xestión Pública e de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Se no primeiro o padriño de honra foi Pablo Figueroa Dorrego, director da EGAP, Escola Galega de Administración Pública, quen alentou a todos os graduados a exercer a profesión pública dende a liberdade e a democracia, no segundo exerceu de madriña Emma Lustres, produtora de Vaca Films, “nun acto que evidencia claramente que levades o espectáculo nas veas”, comentou.

Os “actos revolucionarios da primavera do 2009”

Se por algo vai ser lembrada a primeira e segunda promoción do Grao en Dirección e Xestión Pública “será pola mobilización que protagonizaron na primavera do 2009 para lograr a conversión en bloque da antiga diplomatura en grao. Foi un exemplo de acción colectiva e modélica coa que lograstes os vosos obxectivos”, comentou Celso Cancela, coordinador do grao e vicedecano da facultade, “converténdovos nas primeiras promocións de graduados en Dirección e Xestión Pública”. Pola súa banda, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, deulles folgos aos novos titulados “para que intentedes traballar do que estudastes, pois con pequenos pasos chegaredes a conseguir os vosos soños”.

Pablo Figueroa Dorrego, padriño desta nova promoción de graduados en xestión e “que forma parte da administración dende a preautonomía de Galicia”, quixo afondar nas responsabilidades que supón exercer no sector público, aclarando que “debedes ser serenos, leais, útiles e eficientes para servir o mellor posible aos cidadáns”. Resaltou ademais a importancia da liberdade, do dereito e da democracia, “ideais omnipresentes no eido da xestión e da administración pública”. A profesora Pilar García Soidán exerceu de madriña dos 33 novos egresados, aclarándolles que a pesar da incerteza laboral do momento, “non esperedes na casa, saíde e mostrade o que valedes. Tendes todo un reto profesional e persoal por diante”.

Un acto de despedida transformado en todo un espectáculo

Pola súa banda, os alumnos e alumnas de cuarto de Comunicación Audiovisual cumpriron as expectativas finais. Despedíronse da facultade “coa organización dun evento que amosa claramente o nivel formativo que teñen”, puntualizou a madriña da promoción. Como se dunha gala dos Óscar se tratase, os cincuenta novos egresados realizaron unha entrega de premios ao mellor videoclip musical, á mellor curta, aos mellores spots publicitarios, ao mellor vídeo artístico e ao peor traballo da carreira, “que era de primeiro e non conta para o currículo”, comentaron os galardoados.

Todos exerceron de presentadores e todos recibiron unha banda por parte dos seus compañeiros. As actuacións musicais tampouco faltaron, cun vídeo gravado para a ocasión no que versionaron a canción We are the world e cunha actuación en directo dos alumnos Pablo Lamosa e Rubén Lino tocando a banda sonora de Pulp Fiction. O profesor Carlos Soutelo foi nomeado padriño da promoción, quen visiblemente emocionado, recoñeceu “que foi todo un honor dar clase a estes excelentes novos profesionais e excelentes persoas”. Por último, Emma Lustres ofreceulles un consello, “entrastes nun mundo marabilloso e divertido, pensade en que sodes bos, marcádevos un obxectivo e cumprídeo”.