DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de relatorios organizado polo equipo de investigación promotor de Creatividade Galega

Destacados creativos "falarán do seu" durante o mes de novembro na Casa das Campás

Toni Segarra, Antonio Montero e Agustín Vaquero, entre os participantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 28/10/2009

Toni Segarra fronte a Rafa Antón; Agustín Vaquero versus Nicolás Hollander; José Luis Moro ante José Gamo; Juan Nonzioli e Andrés Martínez e Antonio Montero cara a cara con Carlos Holemans. Este é o cartel de luxo integrado por algúns dos máis recoñecidos creativos españois que a partir do 2 de novembro participarán na Casa das Campás no ciclo de relatorios Fálame do teu, organizado por Chechu Pérez e Alberto Dafonte, profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e integrantes do equipo de investigación promotor de Creatividade Galega, coa colaboración de Santiago Romero do Club de Creativos.
Co subtítulo Dous creativos, dúas versións diferentes do mesmo problema, cada luns do mes de novembro unha parella de publicistas exporá a súa experiencia e debaterá sobre as principais cuestións do sector. O obxectivo é, segundo Pérez, director do ciclo, “traer cada xornada a dous profesionais publicitarios de prestixio e do máis alto nivel, para que poñan en común o seu traballo, amosen as súas campañas máis coñecidas e dialoguen co alumnado”. A elección das parellas non foi aleatoria, senón que, como sinala o profesor, “se buscou o enfrontamento de creativos cun mesmo temperamento e que realizasen proxectos semellantes dentro dun mesmo ámbito”. Así mesmo, os organizadores pretenden “reforzar o vínculo da facultade de Publicidade con Pontevedra que é a única provincia galega que conta cunha asociación de publicistas (a Asociación de Axencias de Publicidade de Pontevedra)”, lembrou Chechu Pérez.
Todos os encontros se desenvolverán na Casa das Campás, sede da vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Creativos internacionalmente recoñecidos

Os dez profesionais convidados son recoñecidos creativos e ideólogos de prestixiosas campañas. Os primeiros en visitar o campus serán Agustín Vaquero e Nicolás Hollander, o próximo 2 de novembro. Vaquero é director creativo da axencia TBWA e desenvolveu campañas para Playstation, McDonals, Canon, Nissan, Apple, Nivea ou Renfe. Hollander ocupa desde 2007 o cargo de director general creativo de Young&Rubicam. Con anterioridade traballou para McCann Erickson e Publicis España. Deseñou proxectos publicitarios para Coca-cola, Telefónica, Médicos sen Fronteiras, Opel, ONCE, Repsol e Camel, entre outras marcas.
O segundo encontro terá lugar o 9 de novembro. Nel estará José Luis Moro, director creativo de Remo, coñecido por ter sido cantante do grupo da Movida madrileña Un pingüino en mi ascensor. Fronte a el sentarase José Gamo, quen, tras pasar por axencias como RZR, Casadevall & Pedreño e Tiempo BBDO, traballa en DDB Madrid desde Marzo de 2008. Ademais, é guionista de cine e televisión e docente na Escola superior de deseño Elisava de Barcelona.
No terceiro asalto, o 16 de novembro, intercambiarán experiencias Juan Nonzioli e Andrés Martínez. Despois de pasar por CP Proximity, McCann Erickson Madrid, Schweppes Europa e Young&Rubicam Madrid, Nonzioli fundou Shackleton, elixida axencia do ano en 2006, 2007 e 2008. Martínez, actual director creativo executivo de Tiempo BBDO, ten máis de 17 anos de experiencia en axencias como Lowe Lintas e Ruiz Nicoli. O 23 de novembro Antonio Montero, actual presidente do Club de Creativos e vicepresidente creativo de Contrapunto, conversará con Carlos Holemans, quen preside a súa propia axencia, El Laboratorio.
O peche dos relatorios será o 30 de novembro cun auténtico broche de ouro protagonizado por Toni Segarra, nomeado Mellor Creativo Español do século XX e premiado polos seus traballos en festivais internacionais e nacionais que dialogará con Rafa Antón, director creativo executivo de Vitruvio Leo Burnett. Autor de campañas para Ikea ou BMW, Segarra chegou ao mundo da publicidade, procedente do mundo da Filoloxía Hispánica, na axencia Vizeversa. A partir de aí iniciou unha exitosa carreira que o levou por algunhas das máis prestixiosas axencias de publicidade do país, ata fundar hai máis dunha década *S,C,P,F...

Divulgación do traballo creativo dos publicistas

Fálame do teu diríxese principalmente ao alumnado das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, así como a todos profesionais interesados nos relatorios. Constitúe a primeira dunha serie de actividades de formación e divulgación sobre o traballo creativo dos profesionais da publicidade promovida polos docentes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Nesta liña de traballo, está previsto traer á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a exposición itinerante do Club de Creativos coas mellores pezas do ano editadas en gran formato. Chechu Pérez destacou a disposición a manter unha relación fluída co Club de Creativos e organizar actividades conxuntamente posto que “a súa filosofía coincide cos obxectivos do equipo promotor de Creatividade Galega”. Así mesmo, indicou que están analizando a posibilidade de crear un posgrao en torno á vertente artística da publicidade.