DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto de investigación afondou nas características dos razoamentos probatorios

A determinación dos feitos no proceso xudicial sométese a xuízo

O estudo contou con financiamento estatal e estivo liderado polo profesor Pablo Raúl Bonorino

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 30/01/2017

Nunha sentencia xudicial hai dous elementos fundamentais implicados. Por unha banda, están as cuestións xurídicas, cuxa xustificación requiren razóns de dereito, e por outra a determinación dos feitos, pois débese xustificar a verdade de certas afirmacións. “O que é verdade ou falsidade xa non é un tema xurídico. O coñecemento do dereito non serve para determinalos. Entramos xa no eido da filosofía, da teoría do coñecemento, etc”, explica Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense. O docente vén de dirixir un proxecto de investigación no que se afondou durante tres anos no coñecemento dos feitos e a decisión xudicial.

O proxecto, titulado Coñecemento dos feitos e decisión xudicial: marco epistemolóxico e análise práctica, estivo financiado pola convocatoria Retos, do Ministerio de Economía e Competitividade. Pablo Raúl Bonorino foi o investigador principal do estudo, no que tamén participaron investigadores estatais e internacionais como María Concepción Gimeno, Guillermo Suárez, Joaquín Rodríguez-Toubes, Manuel Segura, Sonia Esperanza Rodríguez, Mario Alberto Portela, Thomas da Rosa de Bustamante e Joao da Cruz Gonçalves Neto.

Posición epistemolóxica intermedia

Durante a investigación abordouse a cuestión do coñecemento dos feitos no proceso xudicial. “A xustificación dunha decisión xudicial require en moitas ocasións, e entre outras esixencias, que o xuíz exprese as razóns polas que acepta os enunciados nos que se describen os feitos relevantes para o caso que debe resolver. A importancia social do labor xudicial ten xerado a necesidade de regular esa tarefa de coñecemento”, destaca Pablo Raúl Bonorino. Segundo explica o profesor da Facultade de Dereito, as limitacións impostas ao xuíz na súa tarefa, de orixe lexislativa ou doutrinal, son unha parte substancial da chamada teoría da proba xudicial. “Toda teoría da proba xudicial, na medida que debe empregar na súa formulación expresións como “verdade”, “coñecemento”, “certeza”, etc., está baseada en certas teses epistemolóxicas tácitas, presupón unha concepción xeral sobre o coñecemento”, recalca o investigador.

O obxectivo xeral da investigación levada a cabo “foi o de identificar cales son os trazos que debería ter unha concepción do coñecemento capaz de servir de fundamento a unha teoría da proba xudicial satisfactoria desde o punto de vista teórico e práctico”. Entre os obxectivos marcados polo proxecto estiveron facer explícitos os presupostos epistemolóxicos cos que se dota de sentido aos termos que aluden ao coñecemento do xuíz sobre os feitos, tales como “certeza”, “xustificación”, “verdade”, “lóxica”, “racionalidade”; explorar as variantes coas que se pode dotar de sentido a ditos presupostos e as consecuencias que unhas e outras teñen na teoría da proba xudicial e sinalar as condicións particulares de coñecemento e proba dos feitos utilizando a teoría proposta polos investigadores do proxecto, entre outras moitas cuestións.

“A hipótese que defendemos é que convén adoptar unha posición intermedia entre as teorías fundacionistas e coherentistas do coñecemento, que podería identificarse coa posición fundherentista defendida por Susan Hack, e a partir de aí ofrecer unha resposta consistente a todas as cuestións relevantes para a teoría da proba. A proposta pretende superar a dicotomía básica (fundacionalismo/coherentismo) que divide o campo da epistemoloxía tomando como punto de partida a concepción fundherentista, síntese de ambas”, comenta o investigador principal do estudo.

Investigación en humanidades

Alén das achegas ao coñecemento nesta área, Pablo Raúl Bonorino salienta como o maior logro deste proxecto, e dos anteriores que o precederon, é “conseguir financiamento para proxectos de investigación no eido das humanidades, cada vez máis marxinadas pero ao mesmo tempo cada vez máis necesarias por tratar cuestións de vital importancia para a sociedade”.