DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Determinados cancros poden detectarse cunha simple mostra sanguínea

Os resultados dunha tese dan lugar a dúas patentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/09/2007

O achado de novas moléculas que poden axudar á detección e tratamento dos cancros de pulmón e de cabeza e pescozo é o principal logro da tese de doutoramento de Yohanna Lemos, investigadora da área de Bioquímica e Bioloxía Molecular.
“A valoración destas moléculas permite diferenciar moi ben, cunha elevada sensibilidade, aos que teñen algún destes tumores dos individuos sans, o que suxire un forte potencial de utilidade clínica.”, explica a nova doutora.
Na actualidade para a detección destes cancros requírense técnicas altamente invasivas, custosas, con longos tempos de espera e traumáticas para o paciente, caso da biopsia, o TAC ou a punción aspiración de agulla fina (PAAF). Esta situación fai necesaria a busca de novas moléculas que permitan detectar a enfermidade dunha forma máis sinxela, por exemplo a través dunha mostra sanguínea.
Esta tese, presentada este verán, demostra que hai determinadas moléculas en soro (EGFR,EGF,TGF-α, AR) que se alteran en relación á presenza destes tumores e que, ademais, a súa variación asóciase coa resposta que terá o paciente á quimioterapia.

A Universidade rexistra dúas patentes

Os resultados desta investigación deron lugar á publicación de dous artigos científicos en revistas de oncoloxía internacionais como o British Journal of Cancer e Tumor Biology , así como a dúas patentes de invención rexistradas pola Universidade de Vigo.
“A ampliación do estudo permitirá dispoñer á comunidade médica dunha primeira ferramenta de cribado ou preselección antes da aplicación de probas máis invasivas ou de tratamentos que non resultarán efectivos”, comenta a investigadora.
Segundo a doutora, “nos últimos dez anos diversos estudios amosaron que o desenvolvemento e a progresión destes tumores relacionábanse con alteracións nunha ruta de sinalización celular, a ruta do Receptor do Factor de Crecemento Epidérmico o EGFR, unha proteína receptora que se atopa na maior parte dos tecidos humanos.” “En condicións normais en todos os seres humanos, cando se activa esta proteína, desencadéase unha cascada bioquímica que no último termo induce que as células se dividan. Isto acontece a diario no noso organismo debido á constante renovación de tecidos. Considerando que o cancro se basea nunha proliferación incontrolada das células nun determinado tecido, os estudos previamente publicados suxerían que o desenvolvemento do tumor debía estar asociado a alteracións na ruta do EGFR”, explica a investigadora.

Mostras de 126 persoas

Para a realización desta investigación valoráronse os niveis desta catro moléculas en 126 individuos. O Centro de Transfusión de Galicia facilitou as mostras de 50 persoas sas e, as restantes, foron proporcionadas polo Centro Médico Povisa e o Hospital Xeral procedentes de pacientes con cáncer de pulmón e de cabeza e pescozo -tumores na vía aérea e dixestiva superior-.