DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Marta López catalogou case 600 viñetas deste xornal agrarista entre 1921 e 1936

Detrás de 'La Zarpa', un tesouro de ilustracións

Castelao, Julio Prieto Nespereira e Cándido Fernández Mazas foron algún dos creadores que publicaron

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 08/03/2013

La Zarpa é coñecida por ser unha publicación agrarista politizada que se editou en Ourense entre os anos 1921 e 1936. Sen embargo, e alén deste valor histórico e político, a investigadora do campus de Ourense Marta López vén de descubrir nela un pequeno tesouro: a calidade gráfica das súas viñetas de portada, un conxunto de case 600 ilustracións na que destacados debuxantes da época foron deixando a súa pegada artística. Castelao, Julio Prieto Nespereira e Cándido Fernández Mazas foron algúns dos nomes propios da cultura galega que abriron esta cabeceira ás correntes artísticas do momento.

A investigación, dirixida pola docente María Victoria Carballo Calero, foi realizada no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación entre os anos 2008 e 2011 sobre a ilustración artística nas editoriais vangardistas galegas no período 1880-1936 e foi presentada como tese de licenciatura por Marta Vázquez este venres na Facultade de Historia. “Foi unha auténtica sorpresa o que atopamos en La Zarpa. Comezamos sen moitas expectativas pero o que alí encontramos é un pequeno tesouro da ilustración galega no que participaron creadores da talla de Castelao, Julio Prieto Nespereira, Fernández Mazas, Manuel Méndez e Xaime Prada”, destacou a autora da investigación.

Modernismo, censura, humor e arte

Para levar a cabo o seu estudo, Marta López identificou todas as ilustracións publicadas durante os anos existencia da cabeceira, que corresponden coa ditadura de Primo de Rivera e a II República, e realizou unha ficha de cada unha delas. En total, atopou case 600 viñetas, case todas elas en portada. “Nelas vemos un claro protagonismo do modernismo de fin de século e en certas ocasións algún indicio de principios renovadores, pero en Galicia as vangardas non chegaría ata pasado 1936, cando a publicación xa non existía”, sinalou a autora do estudo. Ao principio, apuntou, as ilustracións da cabeceira son de carácter máis humorístico e satírico pero co tempo evolucionan cara viñetas de máis calidade artística.

La Zarpa, destaca a investigadora, naceu con apenas catro páxinas e acabou con doce e unha tirada de case 5000 exemplares diarios, excepto os luns, que non se publicaba. No momento histórico que lle tocou vivir, advertiu a investigadora, as viñetas non deixaron de sufrir nalgúns momentos os efectos da censura, “algo que queda moi presente nalgunhas ilustracións, onde o texto que as acompaña foi modificado polos censores e non casa exactamente coa imaxe á que acompañan”.

“Foi incrible realizar este traballo e atopar nunha publicación local coma esta unha enorme riqueza gráfica. Alén do recoñecemento que ten como portavoz do agrarismo político da súa época, La Zarpa merece ser recoñecida no eido artístico pola calidade das ilustracións e viñetas que publicou e que foron realizadas por relevantes figuras da cultura galega”, subliñou Marta López, que, rematada esta investigación, continuará o seu traballo de investigación centrando xa o seu interese na revista Alfar.