DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Club de Creativos, entidade formada polas principais empresas españolas do sector

Dez alumnos de Publicidade e RRPP representarán á Universidade de Vigo nunha competición nacional de talentos creativos

Os gañadores recibirán un "Tour CdeC" gratuíto que inclúe prácticas nunha axencia de Madrid ou Barce

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 04/06/2008

Dez alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación representarán á Universidade de Vigo nunha competición nacional de talentos, na que participarán os estudantes máis creativos do último curso de todas as escolas e institucións que imparten a carreira de Publicidade e Relacións Públicas ou Comunicación Comercial en España. O certame, que terá lugar o vindeiro mes de xullo, é unha iniciativa do Club de Creativos, unha entidade sen ánimo de lucro integrada polas máis prestixiosas axencias do país e que ten a finalidade de topar novos talentos.
Todos os participantes, soamente polo feito de seren seleccionados, terán como recompensa a asistencia gratuíta ao Día C, o Día da Creatividade Publicitaria, e un ano de socio do club. Ademais, todos eles optarán ao gran premio, un Tour CdeC, é dicir, un recorrido polas seis mellores empresas publicitarias de Madrid e Barcelona que concluirá cunhas prácticas de dous meses para os trinta concursantes máis destacados.
Segundo comentou a directora de Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, “é un privilexio poder participar nesta actividade xa que o CdeC é unha referencia no sector e non todos os días che brindan a oportunidade de entrar nas grandes compañías, nas que de verdade se fai publicidade”. Ademais, Ana Belén Fernández Souto subliñou que esta é unha iniciativa pioneira e que “a Universidade de Vigo poida ser representada nela hai que aproveitalo”, apuntou pouco despois de informar da boa nova aos alumnos seleccionados.

Unha mestura de talento e constancia

Marcos Pernas, Patricia Val, Sheila Álvarez, Marta Anido, Ángela Antón, Rubén Domínguez, Iván Barreiro, María Juanatey, Raquel López e David Vázquez son os dez estudantes do último curso de Publicidade e Relacións Públicas seleccionados para representar á Universidade de Vigo ante as máis recoñecidas axencias do país. A encargada de realizar a criba dos participantes foi a profesora da materia Técnicas e procesos creativos, Montserrat Vázquez Gestal, que segundo afirmou “elixinos tendo en conta non só aos mellores en canto a estudos, senón tamén atendendo a unha serie de actitudes ou talantes” ao que engadiu que, “algúns deles non sacaron boas notas comigo pero son moi activos, outros o son menos, sen embargo destacan pola súa constancia, polo que quixen combinar esas dúas facetas”, subliñou a docente.
Pola súa banda, os rapaces que ao remate dos exames terán que poñer a proba os seus cerebros para sacar a súa faceta máis artística, están impacientes por participar e sobre todo “porque é o sono de moitos de nós, poder entrar nas grandes axencias e ter a oportunidade de que vexan o teu traballo, iso hoxe en día non se consegue facilmente”, comentou Ángela Antón, ante a sorpresa de ser unha das seleccionadas. “Estou moi ilusionada porque non mo esperaba, non me considero moi creativa e ademais estou cursando a especialidade de Relacións Públicas, pero se me brindan esta oportunidade espero saber aproveitala”, engadiu a estudante.

Un obxectivo común: entrar nunha das grandes axencias a nivel nacional

Os máis de 300 estudantes que participarán na competición teñen un obxectivo común: conseguir o Tour CdeC no que soamente os trinta mellores gañarán un training de dous meses de prácticas nunha das máis prestixiosas axencias de Madrid ou Barcelona. Durante ese percorrido, os estudantes terán que realizar un traballo para cada unha delas que será valorado polas propias empresas e, unha vez sumadas as cualificacións, os concursantes elixirán por orden de puntos, a unha das seis compañías colaboradoras para realizar o seu adestramento profesional.