DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Educación Social e membros das Aulas da Terceira Idade comezan a preparar esta cita anua

Dez anos de Xornadas Interxeracionais e unha volta ás orixes

Durante a súa celebración conmemoraranse tamén os vinte anos do proxecto 'Ponte... nas ondas!'

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 21/01/2013

Que unha actividade universitaria chegue a cumprir dez anos é sempre un motivo de satisfacción para os seus promotores. Se esa iniciativa destaca ademais polo seu carácter social o nivel de satisfacción é aínda maior. Compartindo esta idea, alumnado do campus de Ourense e membros das Aulas da Terceira Idade da cidade están xa inmersos na preparación das X Xornadas Interxeracionais. Para conmemorar esta edición, os seus organizadores decidiron recuperar a esencia e ás persoas das primeiras edicións e ampliar a programación acollendo tamén a conmemoración dos vinte anos do proxecto educativo Ponte... nas ondas!. A cita será os días 13 e 14 de marzo.

“Este ano quixemos celebrar de xeito especial os dez anos das xornadas, dándolle un novo pulo, implicando a persoas que participaron outros anos e ampliando a programación en contidos e días de celebración”, explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. “A idea principal este ano é facer unha volta aos inicios, tanto na filosofía das xornadas coma nos espazos onde se celebrará, aínda que esto último dependerá tamén das condicións climáticas os días de celebración”, destaca Serxio García, alumno de Educación Social e membro do comité organizador.

Entre as persoas que promoveron a primeira edición das Xornadas Interxeracionais está Millán Brea. “A iniciativa naceu como un día de intercambio de experiencias a través do xogo, que era algo que todos, nenos, universitarios e maiores, sabiamos facer ben. Os máis novos íamos pola mañá aos espazos onde estaban os maiores, como o Xardín do Posío, e lles ensinábamos a nosa forma de xogar. Logo pola tarde os maiores viñan ao campus e era o momento no que eles nos ensinaban a nós os seus xogos”, describe o educador social. Coa intención de repetir este espírito e converter esta décima edición nunha cita especial, Brea está contactando cos primeiros grupos de alumnos e de maiores que participaron hai xa dez anos nesta actividade.

Programa de radio con Xurxo Souto

Alén da programación do día 14, as xornadas complementaranse o día 13 de mazo coa celebración dunha homenaxe aos vinte anos de Ponte... nas ondas!, unha experiencia educativa na que o alumnado universitario ourensán participou activamente. “Estamos traballando para realizar ao longo de todo o día un programa de radio en falso directo que podería ser conducido por Xurxo Souto. Nel, pola mañá participarían escolares e pola tarde universitarios e maiores”, destaca Xosé Manuel Cid. Xunto a estas intervencións, apunta, haberá actuacións musicais especiais.

Mentres chega a semana de celebración, na actualidade preto dunha trintena de estudantes de primeiro e segundo curso de Educación Social, de mestres e de membros das Aulas de Terceira Idade de Ourense, reúnense periodicamente para avanzar no programa e no contacto con todos os axentes participantes. Teñen por diante un gran traballo ao que convidan a unirse a alumnos doutras titulacións, a outras Aulas da Terceira Idade de Galicia e a todas as persoas interesadas en botar unha man nunha celebración tan especial na que o único obxectivo é xogar.