DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores ás 20.00 horas inaugúrase a mostra ‘Mulleres de onte e de hoxe’

Dez artistas emerxentes reflexionan sobre a feminidade

Poderase visitar ata o 18 de maio na Sala de Exposicións de Restauración

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 09/05/2012

Dez artistas emerxentes, na súa maioría alumnas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, uníronse para reflexionar sobre as inquedanzas da mente feminina na mostra Mulleres de onte e hoxe, que se inaugura este mércores ás 20.00 horas na Sala de Exposicións de Restauración. Son Bea Álvarez, Alba Blanco, Cora González, Iria Paz González, Jen Guinevere, Paloma Madox, Patricia Martínez, Carmen Pastoriza, Sabela Peinado e Raquel Xallas, que emiten variados discursos que emerxen do universo e da psique da muller, tomando como referencia a súa propia experiencia vital e a contorna na que acostuman convivir.

En Mulleres de onte e hoxe, a fotografía, a escultura, o debuxo, o videoarte e a instalación toman o protagonismo, dando forma a obras condicionadas pola visión persoal de cada artista, influenciadas ao mesmo tempo pola historia e polo “visor da contemporaneidade”. Ao longo da exposición, tentan reflectir temas e emocións internas da muller, que van dende a sensibilidade, a incomprensión ou a tolemia ata a construción da identidade, a crítica do superfluo e do consumo masivo, as relacións interxeracionais ou a fragmentación familiar.

Tras a inauguración deste mércores, a exposición permanecerá aberta ao público ata o 18 de maio e poderase visitar de luns a xoves en horario de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h. Para sacar adiante esta exposición, as dez artistas contaron co apoio da Universidade de Vigo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que lles cedeu a sala expositiva.