DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na máxima categoría, o club universitario debutou cunha vitoria en Padrón

Dez equipos representan á Escola Xadrez Pontevedra-UVigo nas diferentes divisións da competición autonómica

Por primeira vez, un dos conxuntos está integrado só por mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 27/02/2023

O pasado sábado, botou a andar unha nova edición da Liga Galega de Xadrez, na que o Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo está representada por un total de dez equipos, nas súas diferentes categorías. No caso da División de Honra, o club universitario iniciou a competición cunha vitoria pola mínima fronte ao Padrón A, que lévao a situarse no quinto posto na táboa clasificatoria. Ademais, o EXP-UVigo conta tamén cun representante na Primeira División; outro en segunda; catro en Terceira División, entre os que se atopa o Chess Cares, o primeiro equipo integrado unicamente por mulleres na historia do club pontevedrés; e outros tres na cuarta categoría.

No caso da División de Honra, que recupera o formato previo á pandemia, cun único grupo e 12 conxuntos participantes, o EXP-UVigo Estratexia Pola Paz venceu por 3,5-2,5 na súa visita ao Padrón A. Nesta xornada inaugural, o club universitario sumou as vitorias de Pablo García e David Sobrino, ás que se engadiron ás táboas acadadas por Rubén Fernández, Víctor Miguel e Daniel Rivera. Tan só Alberto Portela, que caeu fronte ao mestre internacional Diego Espiñeira, non puido puntuar nesta primeira rolda da competición autonómica. A vindeira fin de semana, o equipo pontevedrés medirase a un dos debutantes na categoría, o Benchosey de Pereiro de Aguiar, na que será de novo a súa sede de competición, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Na Primeira División, tamén o Ramón Escudeiro Tilve arrancou a liga cunha vitoria pola mínima, fronte ao Xadrez Rianxo B. A estes triunfos súmanse os acadados polo EXP Non á violencia de xénero, en segunda; e os logrados polos equipos de Terceira División EXP-Concello de Pontevedra e EXP-Zona Informática fronte aos seus compañeiros de club, EXP-Chess Cares e EXP-UVigo. No caso da cuarta categoría, a competición atópase aínda pendente da programación do seu calendario, segundo informaron desde o club universitario.