DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun obradoiro impartido polo artista e cineasta Berio Molina 

Dez estudantes do campus “hackearán” a realidade nas curtas que inaugurarán Novos Cinemas

Os resultados exhibiranse o 12 de decembro, na xornada de apertura do festival

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/09/2023

Modificar algún elemento dunha realidade próxima e observar que acontece. Esta é a proposta que o artista e cineasta Berio Molina trasladou aos dez alumnos e alumnas do campus seleccionados para participar no obradoiro A xogos coa realidade, promovido pola Vicerreitoría e o festival Novos Cinemas. Partindo desta idea, o alumnado traballará co asesoramento de Molina na creación das curtametraxes que presentará no Teatro Principal o 12 de decembro, na xornada inaugural da edición 08 de Novos Cinemas. “Ao igual que cando nun programa informático cambias unha parte do scrpit para que este faga algo que non se esperaba que fixera, a idea da que imos partir é hackear a realidade, cambiar algún elemento dun contexto que coñezan e ver que pasa”, explicou Molina da proposta arredor da que se articula este taller de 24 horas, no que buscará achegar o alumnado ao “xogo e o risco”, introducindo a cámara “en situacións cotiás da nosa contorna”.

Aberto á participación do alumnado das diferentes titulacións do campus, así como de titulados e tituladas pasado curso, para o obradoiro foron seleccionadas sete estudantes e egresadas e tres alumnos ou exalumnos das facultades de Belas Artes e Comunicación. Este último centro acolleu este xoves a primeira sesión dete taller, en cuxa apertura a vicerreitora Eva María Lantarón, lembrou que o campus atópase “en pleno de proceso de especialización”, coa creatividade como eixe, o que fai “moi importante o pulo” que dan ao proxecto do Campus Crea, iniciativas como a promovida xunto a Novos Cinemas e que á súa vez son, lembrou, unha oportunidade de “proxección profesional” para as e os participantes.

A oitava edición deste taller ten como responsable a Molina, un artista e cineasta formado na Facultade de Belas Artes, onde actualmente desenvolve a súa tese de doutoramento, que en 2019 estreaba a súa primeira longametraxe, 7 Limbos, realizada xunto a Alexandre Cancelo. “Trátase dunha das persoas máis curiosas a nivel creativo que temos na nosa comunidade, que ten a capacidade de facer proxectos creativos que son extensións da súa investigación”, salientou de Molina o codirector do festival, Suso Novás. Baixo a súa titorización, as e os participantes neste taller traballarán ao longo dos próximos dous meses no desenvolvemento das súas curtas, que á súa vez irán analizando conxuntamente co resto de participantes. “Esta formación pénsase para potenciar o campus de Pontevedra e complementar o itinerario curricular do alumnado, desde un punto de vista diferente”, engadiu Novás dun obradoiro que en edicións anteriores tivo como docentes a cineastas como Oliver Laxe, Lois Patiño, Jaione Camborda ou Eloy Enciso.