DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Iván Puentes coordina, xunto a catedráticos da USC, o libro ‘Periodismo con futuro’

Dez reflexións académicas sobre “novo ecosistema de medios”

Reúne as achegas de expertos das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/02/2019

Nun momento de cambios provocados polas tecnoloxías da información e da comunicación, “cal é o camiño para lograr facer sostible o xornalismo en termos sociais pero tamén en termos económicos?”. Esta pregunta constitúe, segundo sinala o investigador do grupo CP2 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Iván Puentes, o punto de partida en torno ao que se articula Periodismo con futuro, o libro que coordinou xunto cos catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Campos e Xosé López. O volume reúne dez estudos nos que investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, coa colaboración tamén de expertos de Portugal, México e da Universitat de Girona, propoñen unha serie de reflexións sobre o “novo ecosistema de medios” e o que a irrupción das tecnoloxías da información e da comunicación supuxeron neste eido.

Publicado pola editorial portuguesa Media XXI, o libro insírese nas actividades da Rede Internacional de Investigación da Xestión da Comunicacíon, Xescom, que integran o grupo Novos Medios da USC, encargado da súa coordinación, CP2 e Bifega-Bitraga da Universidade de Vigo e iMarka da Universidade da Coruña. “Dentro dos obxectivos de Xescom, unha das liñas principais era análise do futuro das profesións vinculadas á comunicación en todos os ámbitos”, explica Puentes do traballo desenvolvido no marco desta rede, que contou co financiamento da Xunta de Galicia. “Son dez capítulos que pretenden dar algunhas claves de como enfocar a profesión xornalística neste momento de convulsión e, sobre todo, de incerteza de cara onde temos que camiñar para que o xornalismo siga existindo e siga mantendo o rol que ten que ter na sociedade”, engade Puentes dun traballo que aborda cuestións como os efectos do “novo ecosistema de medios nunha época de coexistencia entre medios dixitais e analóxicos”, á vez que como os cambios provocados polas TIC afectan “ás necesidades de información da sociedade e tamén coa necesidade de supervivencia económica das empresas xornalísticas”. 

Dez olladas ao ecosistema comunicativo

O  artigo Xornalismo de futuro e con futuro dos investigadores da universidade compostelá Xosé López, Ana Isabel Rodríguez, Jorge Vázquez e María Cruz abre un libro na que os tamén docentes da USC Francisco Campos e María Rodríguez abordan “a importancia que ten a rendición de contas e a transparencia” para a supervivencia das televisións públicas, explica Puentes. Este investigador é así mesmo coautor xunto cos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto do capítulo centrado no fenómeno das “fake news e na necesidade do fact-checking”, a verificación de datos, un estudo que parte da análise da “liña de comunicación” do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. “A nosa hipótese é que a diferencia entre un medio de comunicación serio e rigoroso e portais de suposta información, vai ser unha oportunidade para pór en valor novamente o xornalismo, porque ao final os públicos van precisar de medios de referencia, nos que saiban que o que alí se publica é unha noticia real e contrastada”, apunta o coeditor deste volume. 

Xunto á achega dos investigadores do grupo CP2, o libro reúne as reflexións dos expertos da UDC Valentín Alejandro Martínez, Oscar Juanetey e Matías Membiela sobre o “consumo preditivo de contidos” e as “estratexias do big data á hora de adaptarse aos gustos das audiencias”; mentres que o profesor da USC José Tuñez e a investigadora da Universidade Fernando Pessoa portuguesa Ana Gabriela Nogueira abordan cal debe ser o “perfil profesional do xornalista no século XXI”. Así mesmo, a publicación recolle as achegas dos investigadores da USC Alba Silva e Carlos Toural sobre “a reinvención do xornalismo en clave móbil”, o artigo de Berta García e Santiago Gallur, da Universidad Autónoma de Ciudad Juárez, sobre narrativas e discursos xornalísticos, ou unha análise sobre a investigación de audiencias de Ana Isabel Vázquez, Sabela Direito e Diana Lago. O xornalismo transmedia, nun artigo de Xosé Antonio Neira, e unha reflexión sobre a visualización de datos, a cargo de Xaquín Veira, da Universitat de Girona, e M.L. Otero López, da USC, completan unha publicación que conta con edicións en castelán e inglés co propósito, explica Puentes, de contribuír “a darlle proxección internacional ao coñecemento que se xera nas universidades galegas”.