DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O anglosaxonista da Universidade, Jorge Bueno, realizou a primeira tradución

Dez séculos despois, Beowulf fala galego

Rinoceronte Editora vén de publicar a tradución da obra épica do século XI

Etiquetas
  • Vigo
DUVI DUVI 22/12/2010
Descubrir ou reencontrarse en lingua galega con Beowulf, un dos poemas fundamentais da literatura medieval inglesa e europea, xa é posible. Tiveron que transcorrer máis de dez séculos para que a que está considerarada como unha obra fundamental da poesía épica inglesa conte coa primeira tradución aliterativa á lingua galega na que se manteñen aspectos da composición orixinal como a estrutura rítmica, os patróns de frases fixas que aplican epítetos tradicionais aos diversos tipos de personaxes ou os chamados kenningar, compostos metafóricos que nomean conceptos por medio de expresións figurativas (por exemplo, vieiro da balea para nomear ao mar).

Traballando só co texto orixinal do manuscrito do século XI escrito en anglosaxón ou inglés antigo,no que a través de 3000 versos se narran os feitos do príncipe escandinavo Beowulf, o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e especialista en literatura medieval, Jorge L. Bueno, realizou ao longo dos últimos catro anos unha tradución na que, como el mesmo afirma, tivo en conta “os aspectos principais, formais e temáticos da poesía anglosaxona. Foi un proceso esgotador, pero moi satisfactorio.”

A obra de Bueno, que ten traducido textos medievais ingleses, así como de poetas do renacemento inglés como Thomas Wyatt e Philip Sidney e de autores contemporáneos como o Nobel de literatura Derek Walcott, vén de ser publicada na colección de clásicos literarios universais Vétera de Rinoceronte Editora.

Por que traducir Beowulf ao galego?

“Se a tradución constitúe unha actividade necesaria para mante-la vitalidade das linguas minorizadas como linguas de uso, traduci-las obras máis importantes da literatura universal a estas linguas aumenta a súa reputación coma linguas de cultura e contribúe a espalla-lo coñecemento literario entre os seus falantes”. Estas son, en palabras do propio autor, as razóns que o levaron a traducir un dos textos canónicos da literatura inglesa como é Beowulf, unha historia que ademais no caso do galego, segundo Bueno, “reflíctese mellor que noutras partes do mundo, pois compartimos certos elementos do mitolóxico e do simbólico do mundo mariño e costeiro do norte de Europa”.

Proba dese papel de referente que o mar ten Galicia en xeral, e en Vigo en particular é, segundo o profesor da Universidade, a recente concesión da mención de Campus de Excelencia Internacional ao Campus do Mar “que ademais dos compoñentes científico e tecnolóxico, tamén debe incorporar a cultura, a lingua e a literatura. Levamos séculos falando das ondas do mar de Vigo, e non por casualidade”, afirma Bueno.

No proceso de tradución o medievalista e especialista en poesía inglesa asegura que puxo especial coidado en reflectir a experiencia de mergullarse na oralidade dos versos que compoñen Beowulf. “A evolución e cambios sufridos pola lingua inglesa ó longo da súa historia fan do inglés antigo unha lingua pouco menos que estranxeira para os falantes contemporáneos de inglés. Por iso Beowulf é sempre un texto ó que se achegan os lectores por medio dunha tradución o que iguala a experiencia en todo o mundo e para todos os lectores”, explica. Como tradutor de anglosaxón e anglosaxonista, Bueno, destaca a importancia “vital” de intentar acadar un estilo poético cando se traduce poesía, “na necesidade de segui-los aspectos formais da composición poética”, explica. Por esta razón optou por ofrecerlle ao lector un verso galego que teña un certo grao de flexibilidade estrutural; que manteña un certo patrón da estrutura rítmica orixinal; que posúa unha linguaxe poética que fuxa das explicacións prosaicas e que faga o esforzo de traducir poesía por poesía.

Tolkien, descubridor do valor da obra literaria

“3182 liñas de verso aliterativo que comezan Hwaet we gardena in geardagum” ou “ Unha narración heróica, de máis de tres mil versos, que trata dos feitos dun principe escandinavo, tamén chamado Beowulf, e que podemos salientar como unha das obras fundacionais da poesía en lingua inglesa”. Isto é segundo Mitchell e Robinson no primeiro caso, e no de Heaney no segundo, Beowulf que Bueno define pola súa banda como “un dos poemas fundamentais da literatura medieval inglesa e da literatura medieval europea por extensión“.

Unha obra que a pesares de amosar cunha narrativa brillante a historia dun heroe tivo que agardar ata o século XX para ver recoñecido o seu valor como obra literaria. Esa posta en valor chegaríalle da man de J.R.R.Tolkien, autor de O señor do aneis ou O hobbit, xa que segundo Bueno “antes del ninguén lle deu o valor que tiña como obra literaria, cunha estrutura brillante, chea de maxia, de aventura, de resonancias míticas, dunha forma de entende-la linguaxe coma ferramenta narrativa”. Como fundador da crítica moderna sobre Beowulf, Tolkien tamén experimentou cos temas da literatura medieval para construír a súa propia obra que está “chea dunha nova maneira de expresar temas que xa aparecían nos textos medievais dos que el era experto”, sinala Bueno.