DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este mércores a celebración en Ourense de 'Ideas for'

Un día, 15 cidades e 150 propostas 'doadas' para mellorar o país

O obxectivo do proxecto é crear redes de traballo entre persoas con iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/12/2015

15 cidades, dez relatores por cidade, 150 ideas para expor e arredor de 3000 persoas mobilizadas. Con estas cifras preséntase a segunda edición de Ideas for, unha iniciativa que pretende tecer redes entre persoas con ganas de traballar pola súa cidade. O campus de Ourense acollerá este mércores día 23 a sesión que se celebrará na cidade das Burgas, na que dez persoas residentes en Ourense ou no estranxeiro lanzarán dez propostas que poidan ser de beneficio para a cidade e paras as persoas que as leven a cabo.

Doar ideas, tecer redes

A organización deste evento en Ourense corre a cargo de Daniel Rosell, un pequeno empresario local que coordina a iniciativa; de Josué Nanín, egresado en Enxeñaría Industrial, e de Paula Mozo, enfermeira. O obxectivo principal da iniciativa, destacan os seus promotores, é concentrar o talento novo de cada cidade nun mesmo evento co obxectivo de xerar ideas que poidan facer avanzar cada rexión, facendo networking entre mozos profesionais de cada cidade. “Cada un dos dez participantes “doará” unha idea froito da súa formación e experiencia”, explica Rosell. Ideas for é, destacan os seus responsables, unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo principal realizar eventos en cidades españolas que agrupen a xente nova, dinámica e emprendedora que se estean a desenvolver ao redor do mundo. Fundada en 2014, a asociación quere axudar ao desenvolvemento das cidades dunha forma diferente. “Nunha sociedade dinámica en continuo movemento, queremos que Ideas for cree un vínculo entre os ámbitos laboral e social, entre os que están fóra e os que se desenvolven profesionalmente na súa cidade de orixe”, subliñan.

Os eventos Ideas for realízanse unha vez ao ano coincidindo co Nadal, aproveitando que moitas persoas que traballan fóra volven á súa cidade de orixe para visitar familia e amigos. Estes eventos teñen unha duración de dúas horas e media e divídense en dúas partes. A primeira consiste na presentación de ideas por parte dos relatores, para xerar debate entre os asistentes (10 minutos por idea). Tralos relatorios realizarase unha mesa redonda co público. Na segunda parte haberá unha sesión de traballo conxunta entre todos os asistentes para poder debater os temas tratados anteriormente. En total, realizaranse simultaneamente eventos en 15 cidades de Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Navarra e Galicia.

Ourensáns residentes na cidade e no estranxeiro

Seguindo a filosofía do proxecto, entre o panel de relatores que participarán no campus estarán persoas que están a traballar en Ourense e ourensáns que están fóra. Da cidade estarán Raúl Fernández, ambientólogo fundador de Bilurico e Rutas de Ourense, e Roi Barcala, xeógrafo fundador de Rutea; Joel Pérez, deseñador gráfico e artista visual, DJ residente e propietario de Monkey Club; Xurxo Baca, responsable de deseño gráfico de Adolfo Domínguez; Alejandro Montero, estudante e atleta profesional que acudirá con Alfredo González, adestrador na Escola de Atletismo de Ourense; José Francisco Rodríguez, director sales manager, e María Gómez, técnica de atención sociosanitaria e fundadora de Aire Fresco. Do estranxeiro virán Manuel Veiga, asesor de Internacionalización do Grupo Detao e director executivo do grupo Jacob Jensen Design en China; José María Troncoso, profesor de tenis en Alemaña; Luis Rodríguez, doutor en Traballo Social, docente e investigador da Universidad Autónoma de Nuevo León, en México, e Lucía Alonso, voluntaria nun centro de día con enfermos de Alzhéimer en Granada e colaboradora da Universidad de Málaga no proxecto Jaulas abiertas.

O acto será aberto a todas as persoas interesadas. “Aqueles que sempre se queixan de que en Ourense non se fai nada, que todo é un desastre, deberían ser os primeiros en vir e participar. Aqueles que din que merece a pena traballar por esta cidade, Ideas for é un escenario perfecto para eles”, recalca Rosell. A cita será no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico a partir das 18.30 h, participando na súa inauguración Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que colabora na iniciativa.