DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente recibirá a título póstumo o Premio Xoan de Barros de Raigame

Un día para lembrar tamén a Xosé Antón Fildalgo Santamariña

A festa da antropoloxía celebrarase como cada ano o 17 de maio en Vilanova dos Infantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/05/2013
Cada ano, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio, a localidade ourensá de Vilanova dos Infantes volve a atrás no tempo e convértese de novo nun burgo medieval no que os oficios e as tradicións son os grandes protagonistas. Este ano, a festa, que leva por nome Raigame, lembrará de modo especial ao profesor e antropólogo Xosé Antón Fidalgo Santamariña, entregándolle a título póstumo o seu Premio Xoan de Barros e presentando unha publicación editada na súa memoria e que recolle un dos seus últimos traballos antropolóxicos.

Primeiro como alumno seu e logo como compañeiro de profesión, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, lembra como Fidalgo Santamariña chegou ao entón Colexio Universitario no ano 1976 para exercer como docente, posto no que permanecería ata a súa morte en decembro de 2011 e onde desenvolveu unha intensa actividade educativa e investigadora. “Foi un habitante solitario da illa da antropoloxía en Ourense, unha illa desde a que foi tecendo redes con outros lugares e institucións. El era a antropoloxía social no campus de Ourense e na Universidade de Vigo”, subliña Xosé Manuel Cid. Unha longa traxectoria que foi compatibilizada con outros cargos, entre os que destaca a dirección do Ateneo e do Centro Asociado da UNED en Ourense, e pola que recibiu varios premios, como o Otero Pedrayo e o Taboada Chivite.

Durante a pasada presentación da edición deste ano de Raigame, a cargo de Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense; de José Luis Ferro, alcalde de Celanova; de Mariló Fernández, directora do Centro de Cultural Popular Xaquín Lorenzo, e do propio Xosé Manuel Cid, destacouse que o Premio Xoan de Barros ten como obxectivo recoñecer, a persoas ou a colectivos, o traballo e a colaboración na promoción e nas actividades da romaría, así como os valores etnográficos que Raigame fomenta. O traballo que Fidalgo Santamariña realizou sobre a parroquia de Vilanova dos Infantes, explicaron os promotores da iniciativa, foi clave para o desenvolvemento da realidade etnográfica e cultural que hoxe é Raigame, coa que cada ano os ourensáns celebran o Día das Letras Galegas.

Un home que viviu para a etnografía

Co gallo da entrega do Premio Xoan de Barros, que será recollido pola viúva do antropólogo ourensán, presentarase tamén o libro de actas das xornadas Patrimonio Etnográfico Galego IV, que leva por título Os camiños de Santiago: miradas e experiencias. Neste congreso participou Xosé Antón Fidalgo Santamariña e a publicación agora editada recolle a súa intervención nesta cita sobre os camiños de peregrinación por San Xulián de Grixalba, en Sobrado dos Monxes. “Agardamos que estas actas, feitas desde o corazón polos colaboradores desta publicación, sirvan para sumarse ao recoñecemento dun home que viviu pola etnografía”, engade Xosé Manuel Cid.

E para lembrar a Xosé Antón Fidalgo Santamariña, destacan os que foron compañeiros seus no campus de Ourense, nada mellor que vivir in situ a festa da antropoloxía en que se converte Vilanova do Infantes o día 17 de maio, cando Reigame, declarada festa de interese turístico de Galicia, converte ao pobo nunha homenaxe aos oficios tradicionais e premia ás entidades que traballan na conservación e na defensa da cultura galega.