DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 1 de decembro no Edificio de Ferro

O Día Mundial da Sida celebrarase no campus coa proxección dun documental

Recolle a visión desta enfermidade en Latinoamérica

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 25/11/2008

A pesar dos continuos esforzos na loita contra o SIDA, o último informe da ONUSIDA, programa conxunto da Organización das Nacións Unidas sobre a enfermidade, amosa que esta epidemia non se erradicou en ningún lugar do mundo; máis de 33 millóns de persoas padecen a día de hoxe o VIH.
Co gallo da celebración do XX Aniversario do Día Mundial do SIDA, o 1 de decembro o Edificio de Ferro acollerá a proxección dun vídeo documental que recolle a visión desta enfermidade en Latinoamérica. A cita será na aula 5 ás 17.00 horas e tras a curtametraxe, que ofrece a testemuña de persoas infectadas e trata o tema do estigma social, terá lugar un debate dirixido por Natalia Fernández e Pablo Villarino, técnicos do departamento SASID, Servizo de Atención a Persoas Afectadas polo VIH ou Drogodependencias, da Cruz Vermella e organizadores do evento. Neste coloquio tratarán de resolver as dúbidas que existen respecto a esta enfermidade, xerando “un espazo de reflexión, xa que consideramos de vital importancia a sensibilización e información da xente nova”, apuntou Fernández.
En anos anteriores, a única actividade neste día consistía nun stand no que se repartía información, pero tanto Fernández como Villarino, decidiron facer nesta ocasión “algo diferente para tentar acadar maior repercusión”, explicou Fernández, “xa que o reparto de folletos non é suficiente, hai que facer pensar sobre a realidade na que vivimos”.

Que é o SASID?

Baixo o nome SASID atópase o Servizo de Atención a Persoas Afectadas polo VIH ou Drogodependencias da Cruz Vermella. Os obxectivos deste departamento son “a sensibilización e información da población en xeral sobre estes aspectos”, puntualizou Fernández. O seu traballo diario vai dende a prevención ata a atención psicosocial ás persoas afectadas particularmente e tamén aos familiares e amigos. Ademais, realizan actividades de asesoramento durante a proba do VIH, atención telefónica ou persoal para consultas e dúbidas sobre o tema e reparto de material informativo e preventivo.

Día Mundial do SIDA

O concepto do Día Mundial do SIDA orixinouse na Cumbre Mundial de Ministros da Saúde sobre Programas de Prevención do SIDA no ano 1988. Dende esa data, os organismos das Nacións Unidas, os gobernos e todos os sectores da sociedade civil únense, cada ano, para celebrar actividades en torno a temas relacionados con esta enfermidade. A Campaña Mundial do SIDA leva por lema este ano: Lidera, empodera, provee, subliñando deste xeito a necesidade do liderazgo político para cumprir os compromisos adoptados na resposta a esta enfermidade.