DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Día sen Coches fomenta a mobilidade sostible con autobuses gratis ao campus

Este martes serán de balde as lanzadeiras dende Praza de España e Praza de América

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/09/2009

A problemática do transporte é un nexo común entre todas as universidade de nova creación que contan con campus afastados da cidade. O transporte público ou as campañas de coche compartido preséntanse como as principais alternativas ao transporte privado, que inciden negativamente polo aumento do tráfico, a necesidade de prazas de aparcamento e as emisións de CO2. Co obxectivo de potenciar entre a comunidade universitaria estas alternativas ao vehículo particular e, coincidindo coa celebración do Día sen coches, a Oficina de Medio Ambiente da Universidade pon en marcha unha serie de iniciativas que inclúe a gratuidade dos autobuses lanzadeira que unen Praza de España e Praza de América co campus de Vigo ao longo do día de mañá. Deste xeito, estas dúas liñas serán de balde ao longo do martes en ámbolos sentidos grazas a un acordo co Concello de Vigo.

A prol da mobilidade sostible

Aínda que Vigo é o campus onde o problema de mobilidade é máis significativo polo afastamento da cidade, Ourense tamén participará en diversas actividades deste Día sen coche. Nos dous campus instalaranse puntos informativos nos que, segundo explica Benedicto Soto, director da Área de Prevención e Calidade Ambiental, “se realizará unha enquisa para coñecer cal é medio de transporte que usa a comunidade universitaria para subir ao campus e poder actuar en consecuencia con campañas e iniciativas para cambiar os hábitos”. Nestes puntos, o persoal da OMA xunto con voluntarios ofrecerán información sobre métodos alternativos, condución eficiente “e todo o que os usuarios poden facer para diminuír emisións contaminantes á atmosfera, como reducir ao mínimo o uso do aire acondicionado”. As mesas instalaranse na Praza Miralles en Vigo e no Edificio Politécnico en Ourense.
Esta é a primeira vez que a Universidade participa na celebración do Día se coches cunha iniciativa como esta, pero o traballo da institución nesta materia vén de longo. A idea, apunta Soto, “é retomar de algún xeito a campaña de coche compartido Cheo por favor que se puxo en marcha en anos pasados” e concienciar á comunidade universitaria das dúas alternativas ao coche, “compartir vehículo entre varias persoas e usar o transporte público”. Esta é unha prioridade da Universidade de Vigo recollida dentro do Plan Suma de sostibilidade e medio ambiente, que establece diversas directrices e iniciativas que permitan avaliar as características dos medios de transporte e as súas tipoloxías, os hábitos sociais e as comunicacións viarias. Trátase deste xeito de establecer medidas e accións de mellora co fin de ter un transporte cada vez máis sustentable, que sexa respectuoso co medio e que consiga reducir, na medida do posible, as emisións derivadas destas actividades, tendo en conta os intereses dos universitarios.
Entre as actividades postas en marcha destacan os cursos de condución eficiente ou o circular gratuíto para desprazarse polo campus. “Este é un papel que a Universidade debe desenvolver como organización exemplarizante que é”, apunta Benedicto Soto, e salienta que é unha prioridade tamén para a CRUE, que ten creada unha comisión sectorial sobre mobilidade sostible.