DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Dereito achegouse a Santiago de Compostela para coñecer as dúas institucións

Un día de visita no Parlamento galego e no Valedor do Pobo

Representantes dos grupos parlamentarios explicaron aos estudantes o seu traballo día a día

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 02/12/2013

A Xunta de Galicia, o Parlamento galego, o Valedor do Pobo, as Delegacións do Goberno, as deputacións... Son moitas as institucións das que os cidadáns reciben cada día información, principalmente a través dos medios de comunicación. Sen embargo, son poucas as oportunidades de poder coñecer de primeira man estas entidades e de poder conversar coas persoas que nelas traballan a prol da sociedade. Co obxectivo de superar esta barreira, un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Dereito do campus de Ourense visitaron o venres, día 29 de novembro, dúas das principais institucións galegas, como son o Parlamento e o Valedor do Pobo.

En concreto, foron arredor de 50 os estudantes de primeiro curso do Grao de Dereito os que se acudiron, no marco da materia de Dereito Constitucional que imparte o profesor José Agustín González-Ares, a Santiago de Compostela para realizar esta visita, que se prolongou durante toda a mañá. “Foi unha actividade moi produtiva para todos e todas. As dúas institucións acolléronnos fantasticamente e os estudantes participaron moi activamente na visita, realizando preguntas e atendendo a todas as explicacións que nos deron”, destaca González-Ares. No Parlamento, apunta, o alumnado puido coñecer como funciona esta entidade, os seus obxectivos, como se tramitan as preguntas parlamentarias, cando se celebran os plenos e un longo etcétera de cuestións. Sentados nos escanos dos parlamentarios, os estudantes tamén puideron escoitar a representantes de cada unha das forzas políticas que contan con representación parlamentaria, que lles explicaron o seu traballo no día a día.

Por último, o grupo da Facultade de Dereito foi recibido na oficina do Valedor do Pobo e puido coñecer da man do seu persoal os seus obxectivos, o seu traballo diario e todo tipo de cuestións interesantes para entender a función desta institución no marco dunha sociedade democrática. Durante o percorrido pola entidade, o alumnado tamén contou coas achegas do propio José Agustín González-Ares, que realizou a súa tese de doutoramento precisamente sobre o Valedor do Pobo en Galicia. “Este tipo de actividades son moi enriquecedoras para os estudantes de Dereito porque lles permiten coñecer de primeira man as persoas, as sedes e as funcións de institucións que ao longo dos seus estudos e da súa vida en xeral estarán moi presentes”, comenta o docente ourensán.