DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cidade vella acolleu este venres tres performance de Chámalle X

Dialéctica do Aracne, Camiños e, para rematar, un Poema Biolento

É a primeira vez que esta iniciativa artística chega a Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 20/09/2013
Dialéctica do Aracne, Camiños e un Poema Biolento. Con estes suxerentes nomes, destacados artistas galegos "teceron" este venres no casco vello de Ourense tres performance coas que quixeron cautivar ao público e achegalo á arte máis actual. Foi no marco do proxecto Chámalle X, Xornadas de Arte de Acción, que no seu décimo aniversario quixeron saír dos seu hábitat natural, situado en Pontevedra, e ampliar o seu escenario tamén á cidade das Burgas. Entre a curiosidade do público, que nuns casos se achegou especificamente a ver as obras e noutros se atopou por sorpresa coas representacións, os creadores conseguiron converter estes espazos históricos no escenario efémero da arte máis innovadora.

A iniciativa, organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, da Unidade de Igualdade, da Facultade de Belas Artes, do Marco e do Concello de Pontevedra, estivo comisariada polo docente da Universidade de Vigo Carlos Tejo. Tal e como salientou Tejo na súa presentación, esta edición de Chámalle X pretende homenaxear aos máis de 30 artistas galegos que colaboraron desinteresadamente ao longo destes últimos dez anos nesta innovadora proposta artística realizando unha pequena selección entre todos eles e ampliando o seu radio de actuación a outros lugares.

Ana Mazoy, Belén Choren e o grupo Ad-Hoc

No caso de Ourense, a programación comezou cunha performace na Praza Maior da artista Ana Mazoy, que presentou a súa peza Dialéctica ou Aracne. Nela, a través de vestimentas esfarrapadas e do xogo do fío, a artista intentou elaborar un diálogo entramado entre distintos corpos, unha especie de rede na que se incorporou o público asistente. Unha hora despois, Belén Choren representou Camiños na Praza do Ferro. “Como Eduardo Blanco Amor na súa obra A Esmorga, ao pasear polas rúas de Ourense, eu lanzo versos como camiños, polos ocos dos que xa están feitos”, destaca a autora sobre a súa peza. Neste caso a performance tivo dous momentos fundamentais. Comezou coa escritura de distintos versos de autores galegos en longas tiras de teas brancas e seguiu co recitado dos versos, mollando as teas na fonte e colocándoas engurradas nos ocos das pedras da praza.

Por último, o grupo Ad-Hoc, integrado por Antonio Rivas, Pedro Lamas, Ramón Cruces, Roque Mosquera e Lois Gil, foi convidado a desenvolver a súa performance Poema Biolento na Praza Maior e na Rúa do Paseo. Dividida en dous actos, explican os creadores sobre esta peza, o primeiro titúlase A poesía é acción e está baseado nun texto poético do mesmo nome do libro A loita continúa, de Claudio Rodríguez Fer. O segundo acto, baixo o nome Poema Biolento, emprega micro textos combinados con música e cun silencio final.