DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da Facultade de Historia realizará este mes unha viaxe de estudos polo noroeste peninsular

Das diapositivas de clase á visita en persoa

Altamira, Atapuerca e as covas de Tito Bustillo serán algúns dos seus destinos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/04/2013

Nas materias que se imparten na Facultade de Historia, ao igual que acontece nas demais titulacións, hai unha parte de contidos que se poden explicar na aula pero hai outros moitos que requiren da experiencia directa do alumnado para a súa maior comprensión. Con este obxectivo, case medio cento de estudantes deste centro realizarán este mes unha visita de catro días de estudos e prácticas de campo polo noroeste peninsular. “As diapositivas están moi ben pero para coñecer a prehistoria é moi importante tamén poder entrar nunha cova habitada nesa época”, destaca Fermín Pérez, docente do campus de Ourense encargado da visita.

A ruta, que se celebrará os días 18, 19, 20 e 21 de abril, seguirá o percorrido Asturias, Cantabria, Burgos, Palencia e León. Contará coa participación de 45 estudantes das materias de Arqueoloxía Aplicada, Arqueoloxía Clásica, Prehistoria do Noroeste Peninsular e Etnoloxía para Historiadores, complentando as prazas alumnado da facultade en xeral. “Ao longo do curso cada materia realiza visitas de estudos propias, normalmente dun día de duración. Sen embargo, cada ano procuramos xuntar as prácticas de varias materias e realizar unha viaxe máis longa que nos permita achegarnos a puntos máis afastados da xeografía”, explica Fermín Pérez.

Do castro de Coaña ás Médulas

Deseñada como unha viaxe de baixo custe para ser accesible a todos os interesados, a ruta comezará visitando o primeiro día Asturias, os seus castros de Coaña e Campa Torres, a súa vila romana de Veranes, a muralla de Cimadevilla e os restos da cidade de Xixón. O segundo día será o momento de entrar “nalgunhas das poucas covas prehistóricas que aínda se poden visitar, pois a maioría xa están pechadas ao público para evitar o seu deterioro”, comenta o coordinador da iniciativa. Deste xeito, os estudantes adentraranse nas covas de Tito Bustillo, nas de El Castillo e nas de Las Monedas. Tamén se achegarán a Altamira a coñecer o seu museo e a neocova que recrea a orixinal, que está pechada ás visitas. O terceiro día, a expedición, despois de visitar diferentes xacementos cantabros-romanos, chegará a Burgos para coñecer os xacementos de Atapuerca e o Museo da Evolución Humana. Finalmente, o cuarto día e xa de camiño de regreso, os participantes visitarán diferentes vilas romanas e o Parque Arqueolóxico das Médulas, entre outros enclaves.

“O máis interesante da viaxe será o achegamento que faremos in situ á arte rupestre e á prehistoria, aínda que tamén coñeceremos enclaves romanos”, sublina Fermín Pérez. “Dentro da docencia é moi importante que o alumnado poida ver directamente o que está estudando, do que falamos na aula. Por iso, estas visitas non son algo complementario, son parte esencial da aprendizaxe e da formación académica”, engade o seu coordinador.