DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo de artes escénicas “Interzonas”

Diego Anido e Germán Díaz ofreceron unha noite chea de humor e de talento musical na Casa das Campás

Unha neveira, unha zanfona, unha caixa de música e un órgano de babaria foron os protagonistas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 18/04/2008

O ciclo de artes escénicas Interzonas que organiza a Vicerreitoría do campus co obxectivo de crear un lugar de encontro entre creadores galegos e de outros territorios, continuou a súa andaina coas actuacións dos artistas Diego Anido e Germán Díaz na Casa das Campás. Un humorista e outro músico, ambos ofreceron un agradable espectáculo no que os protagonistas foron unha neveira, unha zanfona, unha caixa de música e un órgano de babaria, ferramentas que deron lugar, no primeiro caso, a unha peza de teatro e, no segundo, a unha serie de melodías de innegable calidade. Trátase de pezas creadas nos ocos, nas fendas das programacións convencionais, que viven en terra de ninguén, entre augas e que se caracterizan polo risco, a hibridación e a procura de novos espectadores.

“O alemán” de Diego Anido

O espectáculo comezou da man de Diego Anido coa representación da obra O alemán, unha peza na que se combinan pautas básicas de teatro, clown, performance e anticoreografía. O artista toma como punto de partida a data de caducidade dun iogur para amosar unha realidade alterada polo absurdo, facendo dun feito intranscendente o motor da acción dramática. Nesta actuación unipersoal, Anido explora os límites da cordura cun senso do humor moi persoal que xa o caracteriza.
O protagonista da primeira parte do ciclo Interzonas comezou a súa carreira escénica no teatro universitario. Tras formarse na escola Espazo Aberto de Santiago combinando os seus estudos con varios cursos de clown, performance, mimo, bufón e danza contemporánea, traballou como modelo publicitario para outros artistas e colaborou en Ultranoites e na Festa do Circo antes de presentar en solitario as súas primeiras obras. Actualmente reside en Barcelona e segue mellorando os seu coñecementos mentres traballa como intérprete na compañía Raravis e Señor Serrano.

“Música para manivelas” de Germán Díaz

Tras ver a actuación de Diego Anido, a noite continuou co espectáculo de Germán Díaz, un artista por todo o alto que deleitou os oídos dos asistentes coa súa Música para manivelas. Trátase dun concerto fóra do común xa que os instrumentos que o creador utiliza para facer melodías son un tanto peculiares: unha zanfona do século X , unha caixa de música do XVIII e un órgano de babaria fabricado en torno a 1880 por Thibouville e todos unidos por un aparello electrónico do século XX. Aínda que Germán móvese entre a música contemporánea, o jazz e o tradicional, é moi difícil establecer a natureza do seu traballo, pero o que si é doado é escoitalo.
Licenciado en Filoloxía Clásica na Universidade de Valladolid, este novo artista comeza a súa traxectoria musical cos seus estudos de guitarra. Especialízase na zanfona con mestres como Laurent Tixier, Rafael Martín, Isabelle Pignol, Gilles Chabenat, Patrik Bouffard, Nigel Eaton, Valentín Clastrier, Pascal Lefeuvre ou Matthias Loibner. A súa formación complétase con cursos de percusión con Pedro Estevan e Dimitri Psonis e de viola con Fernando Reyes. Actualmente Germán Díaz forma parte de numerosos proxectos cos que ten actuado por Europa, América e África.