DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se puxo de manifesto no peche das Xornadas de Actividade Física e Mulleres

Dietas e produtos milagre poñen en risco a saúde de quen desexa perder peso

Xabier Castro desmitificas as principais crenzas sobre nutrición e control de peso

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 02/03/2010
Con nomes tan comúns coma dieta da alcachofa ou outros tan pintorescos como dieta do bo humor, día a día chegan aos nosos oídos novas dietas milagre, seguidas por moita xente, xa que se publican en revistas de tirada nacional, internet, televisión... “todo un engano que pode resultar moi prexudicial para a saúde de quen desexa perder peso”, tal como destacou Xabier Castro, coordinador da Unidade Exercicio e Saúde do Hospital Santa Teresa da Coruña que este martes pechou en Vigo as Xornadas de Actividade Física e Mulleres.
Pero as dietas milagre non só o único perigo e, tal como destacou Castro, hoxe en día atópanse á venta centos de fórmulas como cremas, infusións e píldoras que prometen a redución de peso de forma doada e rápida, “en dúas palabras: sen esforzo”, apuntou o relator, ao tempo que considerou “cantos máis esaxerados son os milagres que prometen, maiores acostuman a ser as consecuencias negativas para a saúde”. Pílulas XLS para adelgazar anunciadas por un coñecida cantante; Allí, vendido como o primeiro fármaco sen receita para adelgazar ou a L-carnitina, habitual entre a xente que acode aos ximnasios... “son substancias que afectan á nosa saúde e que sempre teñen efectos secundarios”.

Quen non escoitou algunha vez que o pan, a pasta e a pataca engordan?

Nun intento de aclarar conceptos erróneos, Castro fixo un repaso aos tópicos máis comúns, “aqueles que todos escoitamos en máis dunha ocasión e que somos conscientes de que moita xente os cre”, apuntou Castro.
Quen non escoitou algunha vez que o pan, a pasta e a pataca engordan? Preguntou aos asistentes nada máis iniciar esta temática. Primeiro falso mito: os hidratos de carbono engordan. “Os hidratos de carbono constitúen a principal fonte de enerxía para o organismo e deben representar entre o 50 e o 60% da enerxía total diaria”, argumentou. Segundo: a auga tomada na comida engorda. Resposta: “ a auga non ten calorías e ten efecto saciante, o único é que si se inxire en gran cantidade, a dixestión realízase máis lentamente como consecuencia dunha dilución dos mollos gástricos”. Terceiro: a froita engorda tras as comidas. Resposta: “ten as mesmas calorías antes e despois, simplemente que si se toma antes produce saciedade pola súa achega de fibra, evitando unha inxesta excesiva posterior”.
Así ata catorce falsos mitos que o nutricionista se encargou de ir desmitificando un por un: os alimentos light adelgazan; os hidratos de carbono e as proteínas non poden tomarse xuntos na mesma comida, o aceite de oliva non engorda, o meu exceso de peso débese a que reteño moitos líquidos ou residuos, as froitas máis doces coma o plátano ou as uvas engordan “100 gr. de plátano supoñen 90 calorías fronte ás 369 da mesma cantidade dunha cunca de cereais que supostamente se venden para adelgazar”, exemplificou.

Tipos e perigos das principais dietas milagre

Son moitas e moi variadas as dietas milagre as que calquera pode acceder “pero, en xeral, podémolas clasificar en función dos macronutrintes que inclúen”, subliñou Castro, que, entre outras, mencionou as pobres en proteínas, as ricas en proteínas e pobres en carbohidratos, as sen graxas ou mesmo as ricas en graxas e colesterois.En xeral, en todas un factor común: carencias nutritivas con repercusións máis ou menos graves para a saúde.
Nas denominadas dietas hipoenerxéticas, aquelas cunha achega de menos de 1200 kcal./dia, “unha auténtica barbariedade”, en palabras de Castro, atopariamos algunhas tan coñecidas coma a da alcachofa, a do espárrago, a do chocolate, a dos zumes...
Tamén de sobra coñecidas son as chamadas disociadas - ricas en proteínas e pobres en carbohidratos- que prometen resultados rápidos só si se come carne, touciño, ovos ou outros alimentos proteicos e graxas, suprimindo ou limitando ao máximo alimentos ricos en hidratos de carbono coma os cereais (arroz, trigo, millo...) e os seus derivados (pasta, pan...), patacas, verduras, hortalizas e froitas. “Este tipo de dietas pode producir descalcificación ósea e danos renais por exceso de nitróxeno, así como fatiga e mareos por falta de hidratos de carbono, xa que a glicosa, o substrato deficiente nestas dietas, é a principal fonte de enerxía para o organismo”, subliñou.
No caso das dietas ricas en hidratos de carbono (detox, da piña, do arroz integral...), segundo o seu período de aplicación, “hai un elevado risco de carencia de ácidos graxos esenciais, vitaminas e proteínas, ademais de que é frecuente que provoquen trastornos intestinais como diarreas, cólicos abdominais e flatulencia”.
Castro referiuse tamén as monodietas nas que se fomenta o consumo dun alimento concreto (do xeado, da cenoria, do espárrago...) como “aburridas, nada atraentes, ademais de moi desiquilibradas”.