DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nos abonos para o segundo cuadrimestr

Diferentes opcións para iniciar o ano en movemento

Do 22 de xaneiro ao o 4 de febreiro a comunidade universitaria terá acceso gratuíto ás instalacións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 16/01/2018

A chegada dun novo ano e dun novo cuadrimestre constitúen tamén unha boa oportunidade para poñer en movemento á comunidade universitaria e, con ese propósito, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade mantén aberta a inscrición nos abonos que permiten, no campus pontevedrés, facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e participar nas diferentes actividades dirixidas que promoven nestas instalacións. Co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos, a área promove dúas semanas promocionais gratuítas, entre o vindeiro luns 22 e o 4 de febreiro, para toda a comunidade universitaria.

Neste período, explica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus, Gustavo Loureiro, aquelas persoas que non sexan usuarios ou usuarias dos servizos só terán que darse de alta previamente na plataforma Deporxest para facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario, mentres que as actividades dirixidas precisan de inscrición previa nesta mesma plataforma, dado que contan con prazas limitadas. Trátase dunha serie de propostas que, por segundo ano consecutivo, amplían o abano de servizos postos á disposición dos usuarios e usuarias dos abonos Muver e Ponte en Forma. Concretamente e tamén previa inscrición gratuíta en Deporxest, os aboados e abonadas dispoñen cada semana de dúas sesións, os luns e os mércores de pilates e de ciclo indoor, unha actividade de bicicleta estática con coreografías, a primeira en horario de 19.00 a 20.00 horas e a segunda en horario de 20.00 a 21.00 horas. Xusto a continuación, desenvolveranse as sesións de cross training, unha serie de exercicios de resistencia, forza e flexibilidade, actividade que cambia de data e horario neste cuadrimestre, pasando a desenvolverse tamén luns e mércores, de 21.00 a 22.00 horas. Nestas mesmas xornadas, en horario de 15.00 a 16.00 horas, o ximnasio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle as clases de ioga que completan esta oferta de actividades dirixidas.

Preto de 400 usuarios e usuarias

Coa inscrición aberta para o segundo cuadrimestre, o abono Muver, que permite o acceso á sala de cardio-fitness e as actividades, así como descontos noutra serie de iniciativas da área, contou no presente curso con preto de 400 usuarios, 312 correspondentes aos abonos anuais, aos que se suman logo os que abranguen un só cuadrimestre. A estes engádense  os máis de 40 usuarios e usuarias do abono Ponte en Forma, que engade aos servizos do Muver unha valoración médico-deportiva e un plan de exercicio físico personalizado.

Os servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva e a oferta de centros deportivos colaboradores, que ofrecen descontos á comunidade universitaria nos seus servizos, engádense ao abano de propostas dirixidas a comezar o ano en movemento, ao que se suma a apertura  da inscrición na segunda quenda do abono do programa Active Campus Europe, dirixido a promover estilos de vida máis saudables entre o alumnado que non realiza actividade física a través dun plan dez exercicio físico de dez semanas.