DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario logrou fronte ao Padrón-A o seu sexto triunfo consecutivo

Diminúen as opcións de revalidar o título para o EXP-UVigo a pesares dunha nova vitoria

A súa vitoria pola mínima fai que aumente a distancia respecto do líder, o USC

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 16/04/2018

O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz sumou esta fin de semana na casa do Padrón-A unha nova vitoria na División de Honra do xadrez galego, a sexta que suma de xeito consecutivo. Mais fíxoo nunha xornada na que viu como se reducían as súas posibilidades de repetir o título logrado a pasada tempada, xa ao que o seu triunfo pola mínima fronte ao conxunto padronés (2,5-3,5) sumouse a ampla vitoria acadada polo líder da categoría, o USC (5,5-0,5), o que deixa aos pontevedreses a catro puntos do primeiro posto na semana previa ao seu enfrontamento directo, o vindeiro sábado 21 na Casa da Luz, co equipo compostelán. Na que será a penúltima xornada da competición, o EXP-Universidade de Vigo precisaría derrotar ao USC por cando menos 4,5-1,5 para así manter opcións serias de volver alzarse co campionato na xornada final.

Despois de nove roldas, o USC A acumula un total de 39 puntos na clasificación da División de Honra, mentres que, con 35 puntos, o EXP-Universidade de Vigo mantense na segunda posición despois dunha xornada que deixou ao equipo pontevedrés un balance de seis vitorias, cinco derrotas e dous empates no conxunto das competicións autonómicas. Uns resultados que por outra banda, permitiron ao equipo de Segunda División, o EXP-Concello de Pontevedra, converterse en campión do seu grupo de forma matemática, garantíndose así o ascenso á Primeira División.

Cinco táboas e unha única vitoria

Ao enfrontamento celebrado esta fin de semana en Padrón concorrían dous equipos con obxectivos moi diferentes, o local, inmerso de cheo na loita por eludir o descenso, e o visitante, que buscaba apurar as súas opcións de alzarse co campionato. Mais o que se viviu foi un enfrontamento moi igualado, marcado, no caso do equipo pontevedrés, pola baixa de última hora de David García, que obrigou a debutar co primeiro equipo ao xogador da canteira Rodrigo González, quen se estreaba con táboas a pesares do pouco tempo do que dispuxo para preparar a súa partida.

Tamén remataron en táboas as tres partidas nas que os xogadores pontevedreses Alberto Portela, Pablo García e Pablo Vidal competiron coas pezas negras e nas que ningún foi capaz de quebrar a solidez dos esquemas dos xadrecistas locais. Máis emocionantes resultaron os taboleiros pares, nos que os pontevedreses competían con brancas, e nos que Miguel Senlle lograba unha traballada vitoria, a única que puido sumar o equipo universitario nesta rolda.

Nese senso, as táboas definiron tanto a partida de Rodrigo González como o enfrontamento entre o mestre Daniel Rivera e a primeira campioa galega absoluta da historia, Inés Prado, no que o xogador visitante logrou unha importante vantaxe no medio xogo, trala que chegou un erro que podería ter levado a unha derrota que finalmente conseguiu evitar.