DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase o curso 'Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine'

Diñeiro e deporte, unha combinación de cine

Proxectaranse as películas Invictus, Jerry Maguire, Cindirella Man, Any Given Sunday e The Color of

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/09/2011
Na película Jerry Maguire Tom Cruise interpreta a un representante de xogadores que protagoniza unha popular escena cinematográfica na que remata berrando por teléfono “show me the money” a un dos seus deportistas. Ese momento, no que deporte e diñeiro conflúen, e ese formato, o cine, son os escollidos tamén pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo para celebrar do 21 ao 30 de setembro o curso Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine. A través de cinco destacadas películas, entre elas Jerry Maguire, e diversos expertos, os asistentes afondarán na vertente máis económica do deporte.

O curso foi presentado este martes por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; e José Antonio Fraiz, Ángel Barajas e Patricio Sánchez, coordinadores da iniciativa. Segundo salientaron, o seu obxectivo é suscitar a reflexión sobre o impacto económico do deporte, especialmente o profesional, empregando para elo un formato moi dinámico e atractivo como é o cine e as grandes producións audiovisuais.

Con esta finalidade, cada unha das cinco xornadas de traballo nas que se divide o curso comezará cunha conferencia a cargo dun especialista, seguiralle a proxección dun filme e rematará cun debate arredor da temática abordada. Para comezar, a conferencia inaugural do curso terá lugar o día 21 de setembro a cargo de José Ángel Vázquez Barquero, concelleiro de Ourense, que falará sobre Marketing urbano e deporte, facendo especial fincapé nas potencialidades da cidade das Burgas neste eido. Seguiralle o profesor da Universidade da Coruña José Manuel Sánchez cunha intervención sobre a organización institucional do deporte.

Conferencias e películas

Ademais e durante os días de celebración do curso achegaranse á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense Santiago Areal, da Universidade Carlos III; Pablo Estévez, axente de xogadores; Plácido Rodríguez, da Universidade de Oviedo; Xavier Martínez Cobas, da Universidade de Vigo, e Ignacio Urrutia, do IE Business School. Eles serán os encargados de ofrecer unha perspectiva real do mundo dos negocios no deporte tendo como referente as producións audiovisuais que se proxectarán.

Concretamente, os asistentes gozarán de películas como Invictus, de Clint Eastwood e protagonizada por Morgan Freeman e Matt Damon, que afondará no emprego da Copa Mundial de Rugby e dun equipo como instrumentos para construír unha unidade nacional en Sudáfrica. Jerry Maguire achegará ao curso o mundo dos axentes deportivos de elite a través do papel de Tom Cruise, e Cindirella Man, protagonizada por Russell Crowe e Renée Zellweger, amosará o diñeiro que se move no mundo das apostas de boxeo. A faciana económica do fútbol americano e do billar serán abordados coa proxección de Any Given Sunday, con Al Pacino e Cameron Díaz, e The Color of Money, dirixida por Martin Scorsese e protagonizada por Paul Newman e Tom Cruise.