DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de graduación tivo lugar no salón de actos do Edificio Politécnico

Diplomas, pins e bandas para 25 estudantes do Programa de Maiores

O escritor Luis Manuel García Mañá foi o padriño da promoción

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 04/11/2009

Sempre quixo ir á Universidade. “A miña maior ilusión era estudar en Santiago, pero non puido ser. E mantívena sempre, incluso mentres criei aos meus catro fillos”, conta. Durante 31 anos traballou como mestra de primaria e, xa xubilada, decidiu retomar aquel soño. “Movíame a ansia de saber, de porme ao día, e de coñecer tamén o ambiente universitario”, declara. Sentada no salón de actos do Edificio Politécnico, agardaba con impaciencia o comezo do acto de graduación dos Universitarios e Superiores Sénior da Universidade de Vigo. “Se estou nerviosa? Nerviosísima! Parece que é o día da miña voda”, di entre risas.
Quen así fala é Margarita Mouriño, unha dos 25 estudantes do Programa de Maiores do campus de Ourense que esta tarde se graduaron nun acto que tivo lugar no Edificio Politécnico, e que contou coa presenza de Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Josefina Pato, directora do Programa para Maiores e Luis Manuel García Mañá, padriño da promoción.

Loitar por seguir aprendendo e soñando

Xefe Superior de Policía de Galicia e escritor, García Mañá calificou o seu apadriñamento de “momento inesquecible que me fai debedor de todos vós”, e deulles aos graduados os parabéns “por rachar coa inercia e coa comodidade intelectual e física, e por loitar por aprender e soñar cos ollos ben abertos”. Na súa intervención, García Mañá fixo fincapé no valor inmaterial do coñecemento. Neste punto, lembrou que Galicia posúe unha moi rica tradición oral que chega a nós gracias ás lendas e aos nosos devanceiros. “Cada un dos presentes podería engadir ducias de historias que aportan moreas de pautas de coñecemento ao mundo da ciencia antropolóxica”, dixo. Afirmou tamén o escritor que “á nosa idade, a risa é unha das mellores terapias”, e puxo de manifesto a importancia de afondar no coñecemento porque, segundo afirmou, “é traballar para deixar unha herdanza de enorme valor”. García Mañá animou aos presentes “a contribuir, coa sabiduría que atesourades, a conseguir un mundo mellor”.

“Sobre todo, aprendemos a querernos”

O acto de graduación contou tamén coa intervención de dúas representantes do estudantado: Ana María Fernández e Anxos de Souto, que transmitiron o sentir dos seus compañeiros de pupitre. Na súa intervención, Anxos de Souto lembroulle ao auditorio que o seu foi “un colectivo influído por unha sociedade de posguerra: cerrada, patriarcal e abocada a traballar fóra da súa terra”, e falou tamén da sociedade actual, marcada por “unha tendencia universal cara a globalización que provoca un desaxuste cultural”. Definiu o resultado do paso polo Programa de Maiores de “único, converténdose nunha experiencia educativa distinta á que estabamos afeitos”. Segundo afirmou, “desenvolvemos unha maior autenticidade nas nosas relacións interpersoais e unha maior liberdade para poder ser nós mesmos. Pero, sobre todo, aprendemos a querernos a través do respecto hacia os outros membros do grupo”, sinalou.
De seguido, Pedro Membiela, Luis Manuel García Mañá e Josefina Pato entregáronlle aos graduados universitarios sénior da quinta promoción e aos graduados superiores sénior da terceira promoción (25 en total) os diplomas, pins e bandas. O acto contou coa actuación musical do grupo Vellos Amigos, e pechouse coa interpretación do Gaudeamus Igitur.