DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A titulación conta con perfís nas redes sociais máis populares co obxectivo de 'captar' alumnado

Dirección e Xestión Pública busca amigos en Tuenti, Facebook e Twitter

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 15/06/2011

Se Mahoma non vai á montaña, a montaña vai a Mahoma. Baixo esta idea, o coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública, Celso Cancela, trazou a estratexia de presentación da titulación nas redes sociais máis populares “indo nós mesmos na procura do público obxectivo nos lugares onde sabemos que van estar”, comenta. Deste xeito, DXP ten perfil en Tuenti, en Facebook e en Twitter “porque somos conscientes de que debemos mellorar o nivel de coñecemento do grao”, recoñece Cancela para “facernos presentes e visibles ante os estudantes á hora de escoller a carreira universitaria”.

Engade que, a diferenza doutras titulacións como Dereito, Telecomonicación ou as Enxeñarías, que non precisan presentación e que están moi consolidadas, “Dirección e Xestión Pública non goza dese posicionamento, algo que se veu agravado polo cambio de denominación trala adaptación ao EEES e polo aumento considerable do abano de titulacións”. Ante esta situación, os profesores do grao observaron nas redes sociais “o camiño a emprender” converténdose nas ferramentas axeitadas para comunicarse “co alumnado de institutos e de formación profesional para explicarlles quen somos, o plan de estudos, as saídas laborais...” co obxecto de manter e consolidar a entrada de 40 alumnos por ano.

Punto de encontro

Os perfís de Dirección e Xestión Pública creáronse cunha dobre meta, pois ademais de pensar no público potencial, “tamén queremos que os nosos alumnos teñan unha especie de ágora, de praza pública, na que poidan falar e intercambiar ideas relacionadas coa titulación”. As redes sociais posibilitan que o profesorado comunique de forma inmediata “a convocatoria dun premio, de bolsas, cursos, oposicións, seminarios ou calquera novidade que por outras vías lles chega tardiamente”. Por outra banda, considera que esta presenza nas redes sociais axuda a crear un sentimento de identidade entre o alumnado da titulación “porque estamos observando que estudantes doutros anos se están dando de alta para manter vivo o contacto e tamén para estar ao corrente de informacións que lles poidan interesar”.

Algúns datos

Dirección e Xestión Pública está presente en Tuenti, en Facebook e en Twitter, “sendo na primeira na que temos unha maior actividade e implicación”. En Tuenti concentran case 900 amigos, cunha media de visitas de 1766. Facebook, menos activa, “quedou relegada para manter o contacto entre o alumnado” e a conta de Twitter, de recente creación, está máis orientada ao eido profesional “para darnos a coñecer entre os foros de funcionarios, de institucións públicas e demais organismos vinculados coa titulación”.

No campus pontevedrés tamén existen máis casos que aproveitan as vantaxes comunicativas que ofrecen as redes sociais. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Escola de Enxeñaría Forestal dispoñen tamén dun perfil en Facebook, no que informan das principais novidades de cada centro.