DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O próximo curso os estudantes terán a posibilidade de formarse e ser avaliados a través de Internet

Dirección e Xestión Pública busca atraer alumnado de toda España coa súa modalidade semipresencial

Con esta opción trátase de achegar o grao a profesionais que non poden acudir ás clases presenciais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 26/06/2014

Persoal das diferentes administracións, xestores de empresas, responsables de loxística ou de compras de organizacións que traballan para as institucións públicas.... Son variados os perfís laborais aos que o grao en Dirección e Xestión Pública achegaría uns coñecementos moi útiles para o seu desenvolvemento como profesionais. Por iso, co obxectivo de ampliar a súas posibilidades formativas, esta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación contará a partir do vindeiro curso cunha modalidade semipresencial, que lles permitirá recibir por Internet a mesma formación que se proporciona nas aulas. Con esta medida, os responsables desta titulación buscan tamén “ampliar o rango de posibles alumnos a todo o territorio da autonomía e mesmo de fóra de Galicia”, como sostén o coordinador do grao, Enrique Varela, que este xoves compareceu xunto ao decano en funcións de Ciencias Sociais e da Comunicación, Celso Cancela, para presentar o que definiron como “unha nova oportunidade formativa”.

O mesmo sistema de aprendizaxe, pero virtual

Foi a raíz das solicitudes que lles fixeron chegar “potenciais alumnos, que non podían cursar este grao principalmente por motivos laborais”, que os responsables desta titulación comezaron a traballar na que será unha “modalidade única no campus de Pontevedra”, como destacou Cancela. Unha modalidade que, como matizou Varela, "non será a prima pobre da modalidade presencial”, coa que convivirá, senón que implicará “as mesmas garantías académicas e xurídicas de avaliación de competencias" que o grao actual. “Son os mesmos contidos, os mesmos profesores, o mesmo desenvolvemento de competencias, o único que varía son as probas de seguimento e avaliación”, explica o coordinador do grao.

Mais isto non significa que o alumnado se forme pola súa conta e acuda a un exame final. Todo o contrario, o que se lle ofrece con esta modalidade é un xeito alternativo de someterse ás diferentes probas que se realizan nesta titulación ao longo do cuadrimestre para medir o grao de adquisición de competencias. Farase a través dunha plataforma virtual en Internet, que se complementará coa utilización de foros e videoconferencias, ás que se suma tamén a posibilidade de acudir a determinadas sesións na facultade, programadas especificamente para os matriculados nesta modalidade. “A clave é acompañar ao alumno en todo momento”, apuntou Varela, que destacou a implicación do profesorado cunha opción que “vai ser igual de esixente academicamente”.

Un grao único que pode interesar en múltiples partes de España

A implantación na Facultade de Ciencias Sociais do máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional permitiu ao profesorado do centro adquirir unha valiosa experiencia de cara ao paso que dará Dirección e Xestión Pública o vindeiro curso. Mais, como recoñeceu Varela, “o éxito” desta titulación tamén serviu aos responsables do grao para incidir na posibilidade de que a semipresencialidade “permita posicionar á titulación e á Universidade tanto dentro como fóra de Galicia”. Como relatou Cancela, o máster conta con alumnado de varios países de América Latina e de diferentes partes de España. Por iso, o feito de que a titulación que se imparte no campus sexa “o único grao en Dirección e Xestión Pública de España” e a “vantaxe competitiva que supón que Galicia conte coas taxas universitarias máis baixas”, fan prever aos seus responsables que esta nova alternativa podería atraer a estudantes de calquera parte do Estado.

Unha titulación pouco coñecida

Co obxectivo de coñecer o interese que podía espertar a semipresencialidade entre aqueles perfís profesionais máis relacionados cos contidos desta titulación, os responsables do grao realizaron no mes de maio unha enquisa entre o persoal de administracións públicas e entidades educativas de diferentes puntos de Galicia, no que o 83% dos participantes sinalaron que preferían unha modalidade non presencial. Mais, como explicou Cancela, esta enquisa tamén permitiu coñecer que, a pesares de que Dirección e Xestión Pública “foi a segunda titulación mellor valorada da Universidade” no curso 2012-2013, trátase dun “produto formativo pouco coñecido”. A este respecto, o decano en funcións explicou que o 75% das persoas enquisadas non coñecía o grao e apenas o 10% sabía da posibilidade de obter a dobre titulación polas universidades de Vigo e Sao Paulo, grazas ao convenio subscrito entre ambas institucións.