DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio de prácticas entre a Universidade e o Concello de Pontevedra

Dirección e Xestión Pública posiciona nas redes sociais a oficina de turismo da cidade

A concelleira Carlota Román e o profesor Enrique Varela presentaron este xoves un balance de resulta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 31/05/2012

Internet e as redes sociais xa non son o futuro, senón o presente. Conscientes desta realidade e co obxectivo de posicionarse no mundo virtual, a Concellería de Turismo de Pontevedra puxo nas mans de dez estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública o deseño da estratexia de promoción en rede de Visit-Pontevedra, a empresa pública encargada de fomentar o turismo na cidade. Esta colaboración é froito dun convenio de prácticas entre a Universidade e o propio concello “a través do que se demostra que os nosos alumnos e alumnas están capacitados para resolver problemas e desenvolver produtos en beneficio da súa contorna social”, explicou o profesor Enrique Varela, coordinador das prácticas, que este xoves presentou xunto a concelleira Carlota Román os resultados da colaboración.

Dez alumnos e alumnas do último curso do Grao en Dirección e Xestión Pública dedicáronse durante case dous meses a posicionar en redes sociais a páxina web Visit-Pontevedra, propondo en concreto tres vías de actuación, por Facebook, Twitter e Tuenti. Tamén afondaron nas posibilidades de sacarlle maior rendemento á central de reservas da páxina web co deseño dunha aplicación QR “que atraia un maior número de visitas”. Unha parte dos estudantes responsabilizáronse de actualizar a Carta de Servizos da oficina turística, “renovándoa para que sirva de guía ao cidadán do proceso de cambio e reaxustes que está vivindo a oficina dende o ano pasado”, apuntou Varela, coa posibilidade engadida de ofrecer o documento nas redes sociais. O profesor do grao recoñeceu que Visit-Pontevedra conta cunha plataforma virtual moi ben deseñada e actualizada, “mais, cun pouco máis de esforzo e continuidade, multiplicaríase exponencialmente a eficacia da páxina virtual”, advertiu Varela que ademais aclarou a necesidade de diferenciar entre a propia web “que é a plataforma” e as redes sociais, “os canais de distribución do espazo na rede”.

Presenza na rede

A concelleira de Turismo tomou nota do diagnóstico realizado polo alumnado do campus e sinalou que grazas a estes consellos estase barallando a posibilidade de desenvolver a vindeira campaña de promoción turística da cidade a través das redes sociais. Confesou que as novas tecnoloxías é unha das causas pendentes das administracións locais e “Pontevedra debe facer un esforzo por adaptarse a esta nova realidade”. Agradeceu publicamente o compromiso dos profesores do Grao en Dirección e Xestión Pública, “preocupados por saír da aula e da súa urna de cristal e que se esforzan por buscar a interacción coas empresas e coa administración para darlle ao seu alumno unha experiencia profesional”, puntualizou Carlota Román.

Pola súa banda, a alumna Sandra Moldes, que representou ao resto dos seus compañeiros, destacou a utilidade das prácticas “botando man de todo o aprendido en clase e comprobando como o que estudamos si que é de proveito”, sinalou . Tratouse da súa primeira experiencia profesional no eido da xestión e a pesar da brevidade da experiencia, fai un balance moi positivo “sentíndome en todo momento moi a gusto e arroupada”.

Relación de confianza

É o segundo ano que se leva a cabo esta colaboración en materia de prácticas “e contamos que se manteña o ano que vén”, comentou Varela, tanto é así que a propia concelleira confesou a intención de aumentar a relación con outras facultades do campus pontevedrés. “Nestes momentos máis que nunca é importante que institucións como o concello e a Universidade teñan interacción para conseguir mellores resultados que repercutan na nosa contorna social”, destacou Román, consolidando unha relación de confianza e de respecto “que nos impulsa a seguir esforzándonos e a emprender proxectos novos”, concluíu o profesor Varela.