DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CEF premia o traballo de fin de máster en Dirección Pública e Liderado Institucional de Rubén Baz

O directivo público, a figura que debe “liderar o cambio” cara unha administración do século XXI

No seu estudo, defende a necesidade de regular un labor definido pola súa "falta de concreción xuríd

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 11/09/2014

Unha figura pouco coñecida e de “escaso interese para o lexislador”, mais, ao mesmo tempo, unha peza “fundamental para liderar o cambio cara unha administración que dea resposta ás demandas sociais do século XXI”. Así ve Rubén Baz a figura do directivo público, na que centrou o traballo co que neste 2014 completou os seus estudos de máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Afondar nas funcións que debe desempeñar o directivo público e analizar a lexislación pola que se rexe foron os obxectivos iniciais dun estudo que vén de ser distinguido nos Premios de Estudios Finacieros do CEF (Centro de Estudos Financeiros), na categoría de recursos humanos.

Un labor con “impacto” que precisa dunha regulación

Licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca e subdirector xeral de Nacionalidade e Estado Civil no Ministerio de Xustiza desde 2013, Baz Vicente centrou o seu traballo de fin de máster en realizar unha análise cualitativa de diferentes casos na Administración Xeral do Estado, labor que o levou a concluír que a “característica principal dun directivo público ten que ver co impacto que se deriva do seu traballo”. Por iso, ademais de atribuírlle funcións de planificación, organización, xestión do persoal, dirección, coordinación, presentación de informes e elaboración de orzamentos, que son propias tamén do directivo na empresa privada, este subdirector incide na responsabilidade que vincula a esta figura. “Neste senso, considero que podería definirse ao directivo público como aquel empregado ao servizo da administración cuxas decisións teñen unha gran repercusión”, sinala.

Por outra banda, este funcionario do corpo de xestión da Administración Civil do Estado e da Escala Técnica de Xestión de Organismos Autónomos tamén realizou para a súa investigación unha análise en profundidade dos textos normativos relativos ao directivo público, e a conclusión que sacou é que se trata dunha figura apenas regulada. “Non existe unha regulación concreta e específica sobre o directivo público, senón que presenta unha contorna máis ben difusa”, sostén. A pesares de que existe unha primeira “referencia breve” a esta categoría de empregados públicos na Lei de Funcionarios Civís de 1964, a situación normativa na que se atopa actualmente esta figura vén definida pola súa “falta de concreción xurídica”. Isto é algo que, ao seu xuízo, cómpre resolver cunha regulación propia que estableza “en termos precisos” que postos deberían desempeñar os directivos e directivas públicos, como sería o seu proceso de selección e a súa carreira profesional ou como se realizaría o control de resultados do seu traballo. “É preciso un réxime xurídico acorde coa relevancia desta cuestión”, engade este subdirector, que alude ao Estatuto Básico do Empregado Público para recalcar que o persoal directivo “está chamado a constituír nun futuro, un factor decisivo da modernización administrativa”.

Intercambio de experiencias coa empresa privada

Outro dos obxectivos do traballo realizado por Baz Vicente era identificar as similitudes que podían existir entre un directivo público e unha persoa que realice este tipo de funcións na empresa privada, para concluír que “o intercambio de experiencias” entre ambas figuras “só pode ter consecuencias positivas” na busca dun “servizo público máis eficiente e eficaz”. Non obstante, este titulado recoñece que, na actualidade, a dirección pública está practicamente “vetada” para o directivo privado. “E non só desde o punto de vista xurídico, senón porque para un directivo da empresa privada as condicións que ofrece a administración pública seguen a ser pouco atractivas”, sinala Baz, que alude a unhas diferenzas salariais do 30% entre o sector público e privado, a pesares de que no primeiro “a responsabilidade é, en xeral, maior”.

Semanas despois de defender en Pontevedra O directivo público: situación actual e perspectivas de futuro, Baz Vicente iniciou un proceso de adaptación e sintetización do seu traballo de fin de mestrado para adecualo ás bases dos premios da escola de negocios CEF, para rematar dando este verán unha nova alegría para os membros da Área de Ciencia Política e da Administración da Facultade de Ciencias Sociais. Non en van, no prazo dun ano viron como unha investigación do profesor Óscar Briones era premiada polo Instituto Nacional de Administracións Públicas (INAP) e pola Deputación de Pontevedra e como a investigación que Belén Martínez e Rocío Sinde realizaban para o seu traballo de fin de grao en Dirección e Xestión Pública era recoñecido pola Deputación de Granada nos premios CEMCI.