Estudantes de Ciencias do Mar conversan cos investigadores do CIM que están en Illa Decepción
En directo desde a Antártida
Coñeceron de primeira man o traballo que están a realizar no proxecto Radiant
Descubrir de primeira man como é o día a día dun científico na Antártida, en que consiste o seu traballo e debullar algúns dos seus principais avances. Ese era o obxectivo da conexión en directo na que participaron esta mañá un cento de estudantes da Facultade de Ciencias do Mar que puideron conversar cos investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que están desenvolvendo o seu traballo en Illa Decepción no marco do proxecto Radiant que forma parte da XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra.
Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López explicaron ao alumnado a súa investigación e responderon as súas preguntas e as doutros centros de toda España que tamén se conectaron á videoconferencia organizada polo Exército de Terra. O principal interese dos estudantes era coñecer as condicións nas que viven e traballan estes científicos durante o mes que permanecen na Base Gabriel de Castilla e, para iso, preguntaron detalles como a temperatura da auga ou como foi a viaxe de máis de 14.000 km ata o continente xeado.
Os investigadores do CIM explicáronlles que esta estadía é a segunda no continente xeado dentro do proxecto Radiant, que ten como finalidade estudar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre as macroalgas. Trátase, explicaban, “de achegar aínda que sexa un pequeno gran de área respecto dos efectos do cambio global nos procesos da natureza, neste caso nos vinculados coa cadea trófica”. Os científicos da UVigo destacaron tamén o feito de poder realizar “estes experimentos nun dos mellores laboratorios naturais do mundo, algo que non é alcanzable para moitos e que implica unha inversión moi importante”. Por iso, dende que chegaron á base española o pasado día 12, están totalmente enfrascados en traballar arreo para obter os datos necesarios para realizar o estudo e comprobar se as súas hipótese son correctas ou non.
Por outro lado, o responsable de Comunicacións do Exército de Terra na base militar Gabriel de Castilla, Pablo Balsa, explicou aos asistentes as características da Antártida (horas de luz, evolución da temperatura, etc.), a viaxe que hai que facer para chegar a ela, ademais da súa historia. Balsa lembraba que “o 80% da auga doce do planeta e o 90% do xeo terrestre están neste continente”. Tamén houbo momentos para coñecer a fauna e a flora da illa, basicamente pingüíns, lobos mariños e diferentes especies de aves, e para presentar as infraestruturas da base que dan servizo ás campañas científicas que actualmente están a traballar na zona. O responsable do Exército indicou que “agora mesmo coinciden 7-8 proxectos ao tempo con 40 persoas na base”. De feito, para algúns dos membros do equipo do CIM esta é a súa novena estadía na Antártida, onde xa levaron a cabo proxectos nos anos 2004, 2005, 2009, 2010, 2011, 2016, 2017 e 2023, ademais doutra investigación no estreito de Magallanes. No que respecta a esta campaña, quédanlles aínda por diante dúas semanas de traballo, xa que teñen deixar a base o día 13 e estar de regreso a Vigo o día 19.
Proxecto Radiant
O proxecto Radiant céntrase nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositadas sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato.
Na campaña do pasado ano realizouse unha primeira quenda de probas, ademais de estudar tamén os efectos do aumento de radiación UV e da temperatura relacionada co quentamento climático, sobre as principais variables bioxeoquímicas asociadas aos subsidios de macroalgas depositadas sobre o litoral. Tras analizar as mostras e os datos obtidos na campaña antártica de 2023, os investigadores do CIM puideron determinar que as algas sometidas a un exceso de UV reducen a súa taxa de descomposición e mineralización bacteriana, cun efecto antagónico da temperatura, que provoca un incremento substancial da taxa metabólica do substrato ante incrementos de temperatura no rango previsto polo IPCC para o noroeste da península ibérica, de entre 0.5 e 1 C na próxima década. Ademais, en colaboración cos integrantes do proxecto Erupting, Antonio Polo e Antonio Caracausi, tomáronse mostras do gas emitido nas distintas praias co obxectivo de analizar a firma isotópica do CO2 para determinar en que proporción as emisións medidas teñen orixe volcánica ou biolóxica, algo de grande interese nunha contorna volcánica como é a da illa Decepción.
Para esta nova campaña, o equipo do CIM está a replicar as mostraxes ao longo do arco da baía, ademais de realizar outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregan filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provocará alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. Este experimento lévase a cabo na praia de Fumarolas coa alga Rhodophyta Palmaria decipiens (Reitsh), dominante nas achegas de macroalgas que reciben estes areais. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permite estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios. Para isto analizan a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica (Chevreux, 1906) sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas, Palmaria decipiens e Desmarestia antárctica, que previamente serán irradiadas con exceso de UVA e UVB.