DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Valero participa este venres no Comité Consultivo de Bosques da Comisión Europea

O director da EE Forestal preside en Bruxelas unha reunión clave para o futuro do sector

Debaterase a estratexia comunitaria, que aborda as áreas de investigación que se consideran priorita

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 15/01/2014

O marco no que se fundamentarán as políticas forestais dos diferentes estados da Unión nos próximos anos será analizado este venres en Bruxelas nunha reunión do Comité Consultivo de Bosques da Comisión Europea, que será presidida por Enrique Valero, director da Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra. Nesta xuntanza, os representantes do goberno comunitario exporán a produtores, industria ou colectivos ecoloxistas as liñas da nova Estratexia Forestal Europea, entre as que se atopan as “áreas de investigación e innovación que se consideran estratéxicas no campo forestal”, explica.

O director da escola universitaria, que acude a esta xuntanza como representante da confederación de organizacións profesionais e cooperativas agrarias Copa-Cogeca, destaca que esta Estratexia Forestal Europea “está perfectamente coordinada” co programa marco de investigación e innovación Horizonte 2020 da UE. De aí que nela “se poña acento nas áreas estratéxicas para o sector, polo que moito do apoio económico á investigación vai ir en función deste marco, que se adapta ao fixado na estratexia Horizonte 2020”, destaca.

Neste senso, Valero explica que as investigacións centradas no incremento da produción do sector forestal son consideradas fundamentais pola Comisión, "xa que en Europa hai un déficit brutal de madeira, que se pretende cubrir nos próximos anos”. Así mesmo, tamén figuran entre as liñas de investigación a desenvolver as vinculadas con campos como a xeración de emprego no sector, a adaptación dos bosques ao cambio climático ou a conservación da biodiversidade.

Dado que esta estratexia só está pendente do pronunciamento do Parlamento Europeo para a súa entrada en vigor, na xuntanza deste venres tamén se vai abordar “a súa implantación nos diferentes estados membros”, explica Valero, quen se situará nesta xornada á fronte deste órgano consultivo en calidade de presidente do Comité de Bosques de Copa-Cogeca, organismo que o xoves desenvolverá en Bruxelas unha reunión preparatoria para consensuar a súa postura nos temas a tratar o día seguinte.

Medidas de desenvolvemento rural

Na orde do día desta reunión tamén figura outra cuestión que o director de Enxeñería Forestal considera “clave para Galicia”, como é a análise das novas medidas de desenvolvemento rural para o período 2014-2020. “Trátase dun tema importantísimo, ao ser Galicia unha rexión obxectivo 1 en materia de desenvolvemento rural, o que podería supor a chegada de fondos”, salienta. Neste caso, o debate centrarase tamén “en abordar a súa implantación nos programas de desenvolvemento nacionais e rexionais”, segundo explica Valero, quen valora a súa participación nesta reunión como “un xeito de contar con información de primeira man de por onde vai o futuro do sector que logo podemos trasladar na escola aos estudantes”.

Así mesmo, o Comité Consultivo tamén abordará na súa reunión deste venres o establecemento de criterios de xestión sostible dos bosques, a nova lexislación sobre saúde das plantas que se está a debater no Parlamento Europeo ou as accións a adoptar para “conseguir convivir con grandes carnívoros, como o lobo e o oso, que están a producir moitos problemas en diferentes puntos de Europa, basicamente polo abandono do medio rural e o cese da actividade agraria e gandeira”, relata Valero.