DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada esta semana en Bruxelas

O director da Escola de Enxeñaría Forestal, reelixido presidente do Comité Europeo de Bosques

Destaca o potencial que ten o sector forestal como xerador de emprego e fonte de recursos renovables

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 06/06/2013
O director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, vén de ser reelixido presidente do WP de Bosques no Copa-Cogeca (Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas e Comité Xeral do Cooperativismo Agrario). Na xuntanza mantida ata este pasado luns en Bruxelas o profesor foi nomeado tamén portavoz no Comité Consultivo de Bosques da Comisión Europea, organismo do que foron elixido presidentes o finés Juha Hakkarainen e o austríaco Martin Höebart.

Nesta xuntanza, os expertos europeos afondaron en temas que Valero cualifica “de moita relevancia” para o futuro dos bosques do continente. “Hai uns anos que Europa empezou a considerar estratéxico o sector forestal”, destaca Valero, ao entender que se estima un déficit anual de 300 millóns de metros cúbicos de madeira para a UE, “ao tempo que os produtos forestais son a base da estratexia de bio-economía en Europa, a baseada na eficiencia dos recursos naturais propios e baixa en carbono”. O profesor subliña que na última década se teñen lanzado iniciativas para conseguir a mobilización de materia prima forestal, dado que segundo cifras da propia Comisión Europea, só se está aproveitando menos do 60% do que se podería explotar de maneira sostible, “nun claro intento por abandonar a economía baseada no consumo de combustibles fósiles e sustentala sobre as enerxías e materiais renovables”.

A nova Estratexia Forestal Europea

Na xuntanza que tivo lugar na capital europea avanzouse tamén noutros temas de especial interese para o sector como é a nova Estratexia Forestal Europea, que será o futuro marco da política comunitaria sobre bosques que constitúe, como explica Enrique Valero, “o proceso coñecido como Forest Europe, un acordo legal vinculante, un compromiso de obrigado cumprimento que firmarán en Varsovia a próxima semana os estados membros ademais dun amplo número de países que se sumaron a este acordo.

Outros temas debatidos na reunión foron o 7º Programa Marco de Acción Medioambiental, coñecido como IPE (siglas en inglés do Programa de Innovación en Produtividade e Sostenibilidade), o novo Plan de Sanidade Vexetal europeo ou as medidas forestais dentro da política de desenvolvemento rural. O director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra entende que estes temas teñen cobrado moita forza recentemente debido ás condicións económicas imperantes en Europa, xa que se observa “con crecente preocupación a necesidade de activar recursos potencialmente moi elevados, que son renovables e que están comezando a constituírse na base dos novos bio-materiais do futuro, en substitución de plásticos, resinas e outros materiais sintéticos”. Ademais, sinala Valero, “o sector forestal é un elevado xerador de emprego en cascada, repercutindo amplamente no medio rural e transmitíndose ao longo de toda a cadea de transformación”.