DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan López de Uralde falou no ciclo Universium sobre cambio climático e enerxías renovables

O director de Greenpeace España sinala a saída da dependencia dos combustibles fósiles como o gran reto da humanidade

Denunciou o “delito” que asegura supón que os gobernos permitan a destrución do planeta

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/04/2010

Unha fotografía das Svalbard, arquipélago situado no Ártico, foi a imaxe elixida polo presidente de Greenpeace España para ilustrar o que afirma “non é una teoría, senón unha realidade”, o cambio climático. Sobre cambio climático e enerxía, así como do papel das renovables, versou o relatorio que Juan López de Uralde ofreceu este mércores no ciclo Universium no que incidiu na necesidade dunha actuación urxente para frear as emisións de CO2 á atmosfera e o conseguinte aumento da temperatura do planeta, e onde deixou patente a súa firme aposta polas enerxías renovables. Para o presidente de Greenpeace España na actualidade “a saída da dependencia dos combustibles fósiles é o gran reto da humanidade”.
O presidente de Greenpeace España que foi presentado polo subdirector xeral de Caixanova, Juan Francisco Díaz que destacou o traballo desenvolvido ao longo de 25 anos por López de Uralde en defensa da natureza, comezou o seu relatorio alertando da acumulación de CO2 que sofre a atmosfera como consecuencia da queima de combustibles fósiles. “O CO2 increméntase en 2ppm ao ano, o que nos sitúa arredor dos 380 ppm, unha cifra moi próxima aos 400 que segundo o IPCC suporía entrar nunha situación de cambio climático catastrófico”, sinalou López de Uralde que de seguido se centrou no incremento sufrido nas temperaturas medias como consecuencia do incremento das emisións de CO2. O director de Greenpeace confirmou o “incremento sistemático” experimentado desde 1850 polas temperaturas medias, aludindo ao caso de España “onde o aumento é o dobre da media chegando a 1,5 º”. No caso de Galicia López de Uralde asegurou que “é para botarse a tremer” o feito de que na última década de medicións se confirmase un incremento de 0,5 graos na temperatura media.
A redución, por causa da súa acidificación, da capacidade dos océanos para absorber o CO2 foi outro dos factores apuntados por López de Uralde para demandar “o abandono dos combustibles fósiles e non por falta de recursos senón polo cambio climático” que segundo o director de Greenpeace España “non é unha teoría, senón que o din os informes científicos”.

O delito de permitir a destrución do planeta

A situación de grave risco que sofre o planeta agrávase aínda máis, segundo López de Uralde, pola falta de acordos dos gobernos que se veñen repetindo nos cumios do clima celebrados desde 1992. Para o director de Greenpeace España “é un grave delito deixar que se destrúa o planeta e os gobernos non chegasen a un acordo no cumio de Copenhague”, un fracaso que segundo López de Uralde se produciu por una falta de liderazgo claro, así como polo “desastre organizativo” do cumio e tamén por que “o lobby da industria segue a actuar na sombra”. Así, tralo "desastre" do cumio de Copenhague, o director de Greenpeace España avogou por un incremento de presión sobre EEUU e China, por forzar a máis compromisos á UE e sobre todo por “dar máis importancia á actividade local”. Denunciar os intereses que se agochan detrás dos que negan o cambio climático é segundo López de Uralde unha necesidade nun mundo que xa non é o Kyoto e onde EEUU e China son os focos en detrimento da UE.

O debate nuclear e a viabilidade das renovables

Despois de analizar o escenario medioambietal e político, Juan López de Uralde definiu unha serie de actuacións orientadas a frear a situación actual. O director de Greenpeace España comezou por cualificar de “sobredimensionado” o debate xerado arredor da enerxía nuclear que destacou só supón o 5% do total da empregada pola humanidade. En relación co que cualificou de “enerxía cun papel marxinal”, López de Uralde negou que España dependa da enerxía nuclear francesa “primeiro porque España é un país exportador de enerxía e segundo porque a conexión da rede con Francia é moi pequena”, afirmou.
O director de Greenpeace sinalou a eficiencia enerxética e a fontes de enerxía renovables como dúas ferramentas fundamentais para evitar chegar a un escenario de cambio climático catastrófico. Tras facer referencia a diversos estudos realizados por Greenpeace sobre fontes de enerxía que confirman a viabilidade da aposta polas renovables, López de Uralde sinalou o que considera neste intre o gran reto da humanidade, “a saída da dependencia enerxética dos combustibles fósiles”.
En resposta a preguntas formuladas polo público asistente o presidente de Greenpeace España manifestou o respaldo da súa organización á enerxía eólica mariña, “aínda que precisa de máis estudos”, asegurou, así como seu rexeitamento ao almacenamento do CO2 porque “hai que eliminar as emisións e non almacenalas”, dixo. Así mesmo manifestou a súa incredulidade ante as solucións que organismos como o G2 ou o G8 poden dar ao cambio climático porque “nunca traballaron en beneficio da humanidade senón dos seus intereses”, asegurou.

Combustibles fósiles e sostibilidade para pechar o ciclo

O catedrático de Xeoloxía da Universidade de Barcelona, Mariano Marzo, será o relator da sesión deste xoves na que abordará o futuro dos combustibles fósiles. O ciclo Universium chegará ao seu fin o venres coa intervención do ex director da Axencia Ambiental Europea, Domingo Jiménez Beltrán que centrará a súa intervención na sostibilidade e o cambio climático.