DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do Ciclo de Cine e Pintura

O director José Luís Borau afonda nas influencias mutuas entre cine e pintura

Gran participación nas xornadas que continuarán ata o sábado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 15/10/2008

A inauguración das xornadas adicadas á relación entre o cine e a pintura tivo ao director José Luís Borau como protagonista. O vicerreitor Jesús Hernández e Carmen Becerra, coordinadora do ciclo, foron os encargados de darlle a benvida ao recoñecido director e membro da Real Academia Española de la Lengua ante un numeroso grupo de estudantes aos que o cineasta maño ofreceu unha charla sobre as influencias mutuas entre as dúas manifestacións artísticas.
Foi Carmen Becerra a encargada de presentar a José Luís Borau, a quen definiu como “o home máis inquieto do cine español” e quen recordou que “os espazos de conexión entre as diferentes actividades artísticas son os máis ricos”.
Na súa ponencia, José Luís Borau sinalou que a “pintura tense empregado, ben dun xeito cómico ou dramático, en moitas películas” e evocou un bo número de filmes nos que o cadro xoga un papel fundamental na trama. Sen embargo, o director maño non dubidou en amosar a súa debilidade pola outra forma de influencia, a que exerce o cine na pintura, unha relación “máis complexa e apaixonante” e na que centrou a maior parte do seu discurso.
A continuación, a profesora da Universidade de Valencia Áurea Ortiz, ofreceu unha charla baixo o título "Cando o artista é modelo: pintores de cinema". Pola súa banda Jesús Hernández, vicerreitor do campus, destacou que a programación de outono, marco no que se encadra este curso, foi confeccionada “con moito mimo” e coidando os detalles para que resultase de interese para “os estudantes de todas as titulacións do campus”.

O ciclo continúa ata o sábado

O programa do Ciclo de Cine e Pintura continúa mañá, 16 de outubro, coa conferencia A fama de Hollywood retrata a bohemia europea de José Luis Sánchez Noriega, profesor de Historia do Cine na Universidade Complutense e a proxección da obra de Vicente Minelli O tolo do pelo roxo. O venres, a xornada estará adicada a visión que Pialat ofreceu de Van Gogh na súa obra e unha conferencia a cargo de Claude Murcia, profesora da Universidade de París VII. O ciclo rematará o sábado, cando a profesora da Universidade de Zaragoza Carmen Peña-Ardid dea unha charla baixo o título Frida, unha visión romántica da vida de Frida Khalo á que lle seguirá a proxección do filme de Julie Taymor sobre esta pintora mexicana. Todos os días, as sesións rematarán cun coloquio aberto a todos os participantes.

Aluvión de solicitudes de inscrición

Esta iniciativa da programación de outono da Vicerreitoría do campus tivo un grande éxito e proba delo é que as sesenta prazas ofertas para o ciclo quedaron cubertas días antes da inauguración, polo foron ampliadas en vinte máis e outras tantas quedaron en postos de reserva. No mesmo día do inicio do ciclo, que está recoñecido cun crédito de libre configuración, seguían chegando solicitudes de inscrición.