DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director ourensán Ignacio Vila presenta no campus “Pradolongo”

O filme trata da perda da amizade e os sentimentos amorosos

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 26/03/2008

O campus foi escenario da presentación do trailer da película galega Pradolongo, un filme sobre a perda de amizade entre tres rapaces a medida que medran e sobre como os intereses de clase e os sentimentos amorosos entran nas súas vidas. O seu director, o ourensán Ignacio Vila, estivo presente no acto, ao igual que Rubén Ríos, Tamara Canosa e Roberto Porto, os actores protagonistas. O equipo, totalmente galego, está inmerso nunha forte campaña de promoción inédita en España.
O éxito da película radica no boca a boca. “Na zona do Barco de Valdeorras, onde xa se está a proxectar, conseguimos 6.000 espectadores nunha semana, cando o récord estaba en 1.500 con Titanic. Pola idade dos personaxes, todos os mozos a partir de 15 anos se senten identificados, pero tamén os maiores porque todos vivimos un verán de adolescencia semellante ao da historia” comentou Roberto Porto.
“É a primeira vez que unha longametraxe fai unha xira por institutos, asociacións e ata por bares de pobo, parando os partidos para poñer o vídeo de presentación” explicou Tamara Canosa, que engadiu “que é importante que a xente vaia ver o filme nos primeiros días porque se non vanno quitar para proxectar películas norteamericanas”.
Por último, Rubén Ríos explicou que “aínda que o cine de Amenábar, por exemplo, está moi ben, non ten que vir ninguén de fóra a contar as nosas historias. Eu son un namorado do rural galego e da cultura galega e con esta película conseguimos algo que nos dá folgos para facer esta promoción polos pobos, como é que os concellos poñan autobuses para ir ao cine para xente que nunca pisou unha sala e que se sente identificada coa historia” dixo.
A película estréase nos Cines Box do centro comercial Ponte Vella o xoves 27 de marzo.