DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director de protocolo do Barça protagoniza a segunda sesión das Xornadas da Comunicación e do Deporte

O ciclo pecha cunha conferencia referente ao voluntariado deportivo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 27/10/2009

As relacións institucionais e o protocolo non son algo ríxido, anacrónico e aburrido. Ao menos iso foi o que lles intentou transmitir hoxe Ramón Pujol, director deste ámbito no FC Barcelona, aos asistentes á súa conferencia no seo das III Xornadas da Comunicación e do Deporte, desenvolvidas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Un responsable de relacións institucionais e protocolo debe amosar sempre respecto e discreción”, destacou. E engadiu: “pero ante todo ten que ser innovador, orixinal e diferente”. Segundo Pujol, esta profesión require “unha reciclaxe constante, ser bolseiro de por vida e aprender a aprender”. Aconselloulles aos estudantes que saiban marcar a diferenza no seu currículo: “ter cincuenta másters non é o máis importante, senón saber varios idiomas estranxeiros, e non só inglés, e ter todo tipo de experiencias, desde un curso de escenografía ou luminotecnia ata outro de danza contemporánea”.
“Non só decidimos onde debe sentarse cadaquén, senón tamén organizamos todos os desprazamentos do equipo, a seguridade, o contacto con consulados dos países aos que imos, as cerimonias, as relacións coa prensa, as ceas de gala, os regalos institucionais, os discursos do presidente...”. Pujol precisou as múltiples tarefas que completan o programa de preparación previa para un encontro deportivo ou calquera acto do seu club. Aludiu á “psicoloxía do protocolo”, á importancia de controlar ata o máis mínimo detalle, desde as cores do escenario, o lugar de entrada dos deportistas, a vestimenta dos protagonistas ou a situación dos fotógrafos.
Así mesmo, divertiu ao alumnado con numerosas anécdotas das viaxes que realizou co FC Barcelona, froito da aplicación da que considera a principal máxima protocolaria: donde fueres haz lo que vieres. Unha máxima que considera que ha de ser recíproca por parte dos países que asisten a encontros deportivos aquí. Amosou deste xeito posuír as características que el mesmo atribúe a un bo director de relacións institucionais: “ser un bo comunicador, manter o sentido humor ante calquera situación e acadar empatía coa xente á que se dirixe”.

Visión dos Mundiais de Moto GP e Hóckey

O alumnado interesouse tamén pola intervención de Ferrán Juncar, sponsoring director de Dorna, a empresa organizadora do Mundial de Moto GP. Juncar falou das dificultades para atopar patrocinadores nun contexto mundial de crise e da necesidade de funcionar neste eido cun equipo pequeno con moita mobilidade. “É máis práctico traballar cunha célula dinámica, que poida estar hoxe aquí e mañá en Tokyo ou Australia, que ter delegados en todos os países", precisou.
A última sesión das III Xornadas da Comunicación e do Deporte, organizadas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, completouse co relatorio Xestión da planificación do Mundial de Hóckey sobre patíns 2009, impartido por José Ángel Otero, membro do comité executivo deste mundial. Ademais, o ciclo clausurouse cunha sesión referente ao voluntariado deportivo e á importancia dos colaboradores puntuais na organización de macroeventos, da man de Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, e Dury Alonso, asesor para a xestión de eventos deportivos.