DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Esono Mikó Nsing estuda o Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser

Director xeral de Correos e Telecomunicacións en Guinea Ecuatorial e alumno na Universidade

Esta semana atópase no campus de Ourense realizando as prácticas do mestrado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 23/01/2014

Carlos Esono Mikó Nsing é o director xeral de Correos e Telecomunicacións de Guinea Ecuatorial. Como máximo responsable da articulación das comunicacións no seu país precisa estar ao día dos últimos avances tecnolóxicos que se están a producir e que afectan ao seu sector. Por este motivo, alén de exercer o seu cargo continúa a súa formación especializada, motivo que lle levou a matricularse este curso académico na Universidade de Vigo para realizar o seu Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Esta semana, Mikó Nsing atópase no campus de Ourense realizando nos laboratorios de Física as prácticas do mestrado.

“O motivo da elección deste mestrado foi tripla. Por unha banda, está o interese que ten o tema da luz, xa que as transmisións por este medio ocupan e ocuparán un lugar moi importante nas transmisións da información. Como mostra desta relevancia, as Nacións Unidas acaban de declarar 2015 Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías Baseadas na Luz. En segundo lugar, está o gran prestixio deste máster e dos seus responsables e, por último, a flexibilidade que permiten estes estudos ao combinar formación teórica on line con prácticas en laboratorio”, destaca o director xeral de Correos e Telecomunicacións de Guinea Ecuatorial. “Está sendo unha experiencia moi positiva. A Universidade causoume unha moi boa impresión e valoro especialmente o feito de que os conceptos teóricos do máster corresponden coa parte práctica que estamos a realizar agora”, apunta Mikó Nsing, que este mércores asistiu tamén á conmemoración do 40 aniversario do campus de Ourense.

As oportunidades da tecnoloxía

Segundo explica este director xeral, os coñecementos sobre óptica adquiridos no mestrado son especialmente importantes para o desenvolvemento do seu traballo, xa que o seu país está vivindo a expansión da fibra óptica e a revolución nas comunicacións que iso supón. “Na actualidade temos o cable CEIBA1, que conecta a parte continental coa parte insular de Guinea; temos a rede BackBome, unha liña de fibra óptica que se está implementado en todo o territorio nacional e que xa está ao 95% da súa execución, e sobre todo vense de activar o enlace con ACE para canalizar todas as comunicacións internacionais do país”, comenta Carlos Esono Mikó. ACE, África Coast to Europe, aclara, é gran proxecto internacional que acaba de instalar unha liña de fibra óptica subterránea que vai desde Francia a Suráfrica e que dá cobertura a 20 países africanos, que poden ter así unha alternativa mellor e máis accesible que o satélite para as comunicacións internacionais e o acceso á alta velocidade de Internet.

“No mestrado damos unha formación integral moi útil en eidos como o das comunicacións por fibra óptica e agora, tras a chegada da infraestrutura ACE, é un bo momento para a fibra óptica en Guinea”, subliña Humberto Michinel, director do Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Ademais deste interese, apunta o docente ourensán, tamén se traballa na futura comercialización no país africano da lámpada Led de baixo consumo para alumeado público desenvolvida por un grupo de investigación liderado polo propio Humberto Michinel. “Como calquera país estamos moi interesados en todo aquilo que signifique baixo consumo, optimización da rede eléctrica e mellora das comunicacións”, recalca Carlos Esono Mikó Nsing.