DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na presentación dun estudo feito por profesores da UVigo

O director xeral de I+D+i destaca o forte progreso de Galicia en temas de innovación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/11/2007

“Galicia é das rexións europeas que máis medra. A súa posición a finais de 2005 no Índice sintético de innovación europeo sitúaa no posto 142 de 208, e dentro destas, repito, é a que máis rápido medra. Necesitamos correr porque partimos dunha situación de atraso”, estas foron algunhas das declaracións de Salustiano Mato, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia na inauguración do encontro “Territorios innovadores: diagnose dos índices de I+D+i en Galicia” que este xoves se celebrou no Club Financeiro de Vigo.
Organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Instituto Galego de Estatística e a Universidade de Vigo, a xornada presentou os resultados dunha investigación sobre indicadores de I+D+i levada a cabo por un equipo de profesores da universidade viguesa e que, en breve, será publicada. “O que fixemos foi un repaso dos índices sintéticos que están homologados a nivel internacional e formulamos a necesidade de contar desde Galicia con índices semellantes para poder facer comparacións de cal é a situación. Ao abeiro disto, tamén puxemos de manifesto a necesidade de revisión da posición de Galicia neste eido”, indicou Xosé Manuel García Vázquez, profesor da UVigo coordinador do proxecto.
“O sistema que hoxe se presenta vai permitir que teñamos información real, completa, contrastable e de rigor de como funcionan as políticas que se están a levar a cabo en materia de I+D+i”, subliñou o director xeral. Mato fixo tamén referencia á aposta estratéxica do goberno por esta cuestión, “o importante non é facer un plan sobre o tema, que xa o fixemos, é estar sometidos a un proceso de mellora continua e para isto é necesario ter indicadores actualizados de como van as cousas”.
Entre os exemplos que destacou Salustiano Mato para pór de relevo a importancia deste indicadores sinalou o número de patentes galegas. “Temos fabricado moitísimas máis patentes das que figuran nos índices estatísticos, porque, entre outros motivos, o axente que tramita a patente ten a sede en Madrid”, indicou.

A transferencia de resultados, reto para as universidades

Para García Vázquez, a universidade ten neste campo un papel cada vez máis importante. Todas as políticas e todas as reflexións teóricas inciden na necesidade de vincular a universidade, a empresa e a administración. “A universidade como xeradora de coñecemento é unha peza clave, pero que sería bastante estéril se non é capaz de transferir esa sabedoría á industria. Agora o importante é artellar e potenciar medidas que sexan capaces de activar esa transferencia de coñecementos, falo de reforzamento das OTRIs, centros tecnolóxicos...”, indicaba.

A vantaxes intanxibles, claves para o desenvolvemento de Galicia

A posición competitiva de Galicia como país vai depender, cada vez máis, de que sexamos capaces de xerar vantaxes, baseadas en intanxibles, a partir dos procesos de I+D+i. Esta foi unha das ideas claves que se manexou ao longo de toda a xornada. Para apoiala sobraron afirmacións que situaron á investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación como os principais impulsores do crecemento económico duradeiro e sustentable.
A xornada contou coa participación de diferentes profesores que participaron no proxecto, caso de Mª Ángeles Quintas ou Albino Prada, e tamén de expertos con destacada experiencia no eido da transferencia da tecnoloxía, na creación de spin-off ou da xestión de centros tecnolóxicos.
Dende a UVigo, Xosé Manuel García Vázquez, fixo unha intervención na que subliñou as principais debilidades pero tamén as apostas estratéxicas do sistema innovador galego, tema no que tamén afondou Javier López, director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega, Feuga.
O tema da competitividade e a innovación centrada nun sector específico correu a cargo de Luis Moreno, director xeral do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG, que centrou a súa intervención no campo da industria automovilística.
Entre os asistentes á xornada destacou a presenza de Alberto Gago, Reitor da Universidade, e José Mª Martín Moreno, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.