DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Tortosa manifesta o entusiarmo da entidade coa iniciativa da Universidade de Vigo

O director xeral do Instituto Español de Oceanografía salienta a importancia para España de pór en marcha o Campus do Mar

Gago subliña que os terreos da ETEA serían “un elemento diferencial, distintivo e de marca”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/02/2010

O proxecto de Campus do Mar co que a Universidade concorrerá en pouco máis dun mes á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación recibiu este xoves o respaldo do Instituto Español de Oceanografía da man do seu director xeral, Enrique Tortosa, quen, tras reunirse co reitor, Alberto Gago, deu as grazas “pola oportunidade de participar nun proxecto tan importante para a investigación, a docencia, para Galicia e tamén para España”.
A presentación do proxecto terá lugar a finais de marzo e, para entón, Gago destacou a importancia de poder contar co apoio definitivo da Xunta de Galicia a través da cesión dos terreos para a futura localización do campus. “Non é o mesmo unha carta de apoio a que a Xunta asuma o interese estratéxico dun proxecto destas características e se poña ao fronte coa cesión da superficie na antiga Escola de Transmisións e Electrónica, ETEA”, subliñou o reitor, quen tamén resaltou que, caso de non producirse esta cesión, non suporía a paralización do proxecto, “simplemente sen o seu apoio teríamos menor capacidade de competir, pois a ETEA é un elemento diferencial, distintivo e de marca desta proposta, pero se temos que buscar unha alternativa, buscarémola”. En referencia á posible cesión destes terreos o reitor destacou tamén que terían un uso compartido e non serían empregados de xeito exclusivo para este proxecto de investigación. Segundo Gago, “sería, ao igual ca o resto de campus que ten a Universidade, un campus aberto”.
Desde a Reitoría salientouse tamén que o proxecto do Campus do Mar nada ten que ver coa proposta da Cidade do Mar, á que Gago se referiu coma un proxecto de goberno e de carácter político, “mentres que o Campus do Mar é un proxecto de xestación exclusivamente universitario”.

O 45% do potencial do IEO está en Galicia

O director xeral do IEO apuntou que nestes intres o instituto que dirixe ten en Galicia o 45% do seu potencial, a través dos centros oceanográficos de Vigo e A Coruña e manifestou que esa capacidade está ao servizo da investigación galega e por tanto “non só estamos dispostos, senón entusiasmados cun proxecto que creo que pode colocar a Galicia, xunto co norte de Portugal, á cabeza da investigación mariña en xeral, non só pesqueira, en España e tamén en Europa”. Tras unha primeira reunión hai apenas un mes en Madrid, a colaboración entre ambas institucións plasmarase coa próxima sinatura dun convenio de colaboración específico para o Campus do Mar co que se reforzarán as liñas de colaboración xa establecidas “e se deixará a porta aberta para ordenar e ampliar tanto o actual coma todo o que vaia xurdindo”, sinalou Gago.
En referencia ás propostas que están a elaborar nesta mesma liña as universidades de Cádiz e Las Palmas, nas que o IEO tamén participa, o reitor subliñou que se trata de tres proxectos diferenciados nos que os intereses non son incompatibles e “a nosa vontade é cooperar nos tres agrupamentos e para nada consideramos este marco como desfavorable”, indicou .

Un proxecto conxunto e internacional

Concibido como proxecto internacional, tanto Tortosa como Gago, recalcaron a importancia de traballar de xeito conxunto para definir as liñas e apostas de traballo e pórse en marcha na captación de talento internacional, “unha parte fundamental deste proxecto”. En canto ás datas claves do proceso, Gago lembrou que “todo este puzle encaixará de aquí a finais de marzo”, se ben, nesta data non é preciso que haxa unha precisión absoluta, pois despois abrirase un novo prazo de tres meses no que se poderá completar a proposta.
Ademais do IEO, o proxecto de Campus do Mar conta co respaldo do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CISC), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e as portuguesas de Porto, Aveiro e Minho, como núcleo central dunha proposta que conta tamén co apoio da iniciativa privada (Anfaco, Aimen, EnergyLab ou Pescanova, entre outras). Neste senso, Gago destacou que en breve se reunirá coa Plataforma Tecnolóxica do Naval, o sector da acuicultura, os representantes dos portos e os alcaldes dos concellos da área metropolitana.

Telemedicina para os mariñeiros galegos

En relación ao amplo número de investigadores que están a traballar na Universidade en investigación mariña, o reitor destacou que o abano de temáticas é inmenso” e, neste sento, adiantou que aproveitando o potencial da Universidade na rede mundial de picosatélites se está a estudar, ante unha demanda dos armadores, a posibilidade de pór en marcha unha rede de telemedicina que sería de gran utilidade para a flota. “A medicina en liña ten cada vez un desenvolvemento máis importante e isto veríase reforzado cun sistema de picosatélites que envíe información certeira dos datos que se precisen”, engadiu o reitor.