DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón distingue a mulleres galegas con traxectorias notables en ciencia e tecnoloxía

A directora de CINTECX, Concepción Paz Penín, gaña o Premio María Josefa Wonenburger

Enxeñeira industrial, a Xunta destacou o seu elevado impacto como investigadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 21/11/2023

A catedrática Concepción Paz Penín (Ferrol, 1969), directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, CINTECX, é a nova gañadora do Premio María Josefa Wonenburguer, un galardón co que a Xunta de Galicia busca distinguir a mulleres galegas con traxectorias notables en ciencia e tecnoloxía. Enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos e membro do grupo de investigación en Tecnoloxía Enerxética, Paz Penín suma así un novo galardón a unha traxectoria na que xa aparecen outros recoñecementos tales como, no 2017, o Premio de transferencia de tecnoloxía outorgado tamén polo goberno galego.

A Unidade Muller e Ciencia da Xunta, que fixo público o fallo este luns, destacou a súa especialización nesta rama da ciencia e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións. Con distintas publicacións, proxectos e conferencias –ten dirixido sete teses de doutoramento e numeroasas publicacións en revistas académicas de alto nivel-, Paz Penín conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.

O xurado tamén tivo en conta para a súa elección a súa traxectoria como directora do CINTECX, un centro no que traballan 175 investigadoras e investigadores integradas en dez grupos de investigación. Exerce este cargo desde 2020 e, nestes tres anos de labor, traballou para posicionar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como o son as enerxías renovables, a eficiencia enerxética ou intelixencia artificial, entre outros.

“Moi orgullosa de ter tomado as decisións que me levaron por este camiño”

Dende a UVigo tamén se destacou o seu perfil como enxeñeira na primeira edición do libro Quero ser investigadora!, no 2020, un volume editado anualmente pola institución académica viguesa dirixido á promoción do interese pola carreira científica e investigadora en nenas e mozas. Nesa obra Paz Penín xa destacaba que a súa carreira como investigadora achegáballe moitas satisfaccións á súa vida e, por iso, sempre se sentiu “moi orgullosa de ter tomado as decisións que me levaron por este camiño”. Entre outros motivos argumentaba que, “aprender algo novo todos os días e tratar de achegar solucións; traballar en colaboración con outros equipos de investigación, coñecendo os seus avances e a súa forma de traballo; ou participar en grandes proxectos con empresas multinacionais..., son importantes motivacións que me achegan un grande enriquecemento, tanto no ámbito profesional coma persoal”.

En lembranza dunha científica pioneira

O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta no ano 2007 para a distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía e, ao mesmo tempo, homenaxear a unha científica adianta ao seu tempo: María Josefa Wonenburger Planells (A Pasaxe, 1927), quen gañou fama e recoñecemento en EEUU e Canadá nunha época en que en España ser muller e matemática non eran precisamente compatibles.

A primeira premiada con este galardón foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Dende entón, foron moitas as mulleres merecedoras deste recoñecemento, entre elas, no ano 2014, a catedrática de Teoría do Sinal e da Comunicación da UVigo Carmen García Mateo, investigadora responsable do  Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic e autora de importantes publicacións científico-técnicas e numerosos proxectos de I+D.