DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

A directora da EET, Edita de Lorenzo, elixida Enxeñeira do Ano nos Premios Galicia das Telecomunicacións

Tamén galardoaron a tese de doutoramento de Rafael Asorey

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/07/2010

Pola súa contribución á formación académica dos futuros enxeñeiros de telecomunicación como directora da EET e pola súa bagaxe docente nesta escola así como pola traxectoria profesional como investigadora de excelencia. Estes son os motivos polos que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, decidiron outorgarlle a distinción de Enxeñeira do Ano dentro dos Premios Galicia das Telecomunicacións.

A entrega destes galardóns celebrarase no marco da tradicional Noite Galega da Telecomunicacións e da Sociedade de Información, que celebra a súa décimo quinta edición o vindeiro 3 de setembro en Santiago de Compostela. Xunto a ela, na Universidade de Vigo recaeu outra distinción, o Premio Gradiant á Mellor de Tese de Doutoramento aplicada ao sector TIC, que este ano recaeu en Rafael Asorey.

Unha traxectoria de compromiso

Primeira muller en dirixir unha escola de enxeñaría en Galicia, Edita de Lorenzo está ao fronte da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións dende febreiro de 2009, cando gañou as eleccións con 62 votos a favor e 28 en contra. Desde entón enfrontouse a unha das etapas máis complicadas da escola e as súas titulacións coa adaptación ao EEES.

O primeiro contacto de De Lorenzo coa escola foi polo 1986 como estudante da segunda promoción. Unha vez rematada a carreira foi docente durante case dous anos na Universidade de Valladolid e no 1994 regresou a Vigo, onde fixo a súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Carey Rappaport da Northeastern University de Boston e o profesor vigués Antonio García Pino.

Este galardón entende a profesora que se lle outorga a ela como directora da escola, “como un xeito de recoñecer no meu nome o traballo desenvolto polo centro ao longo da súa historia”. Precisamente no vindeiro curso 2010-2010 o centro cumpre 25 anos, unha celebración na que “se conxungan historia e tempos novos, xa que cumprimos medio século o ano que bota a andar o Grao de Enxeñeiro de Telecomunicación” que substitúe ás titulacións antigas.

O COETG e a AETG valoraron como razóns “a súa decisiva contribución á formación académica e capacitación profesional dos futuros enxeñeiros de telecomunicación de Galicia, desde o seu posto de directora da EET da Universidade de Vigo, así como a súa ampla bagaxe docente ligada a esta escola e a ampla traxectoria profesional como investigadora de excelencia, a través da súa participación en distintos estudos relacionados co sector ETIC con proxección autonómica, nacional e mesmo internacional, axudando a situar así o I+D+i da nosa Comunidade no mapa global da innovación tecnolóxica”. Neste sentido, a directora explica que o centro está totalmente comprometido coa súa visibilización, incluso no estranxeiro, “xa que de aquí saen profesionais ben capacitados que traballan en moitas partes do mundo”. Para Edita de Lorenzo, “a escola están moi ben valora, pero pouco recoñecida” polo cree que este tipo de galardóns serven para dar visibilidade ao centro e á profesión.

Un recoñecemento aos proxectos emerxentes

Nesta nova edición dos premios, tamén resultou premiado o enxeñeiro Rafael Asorey dentro da categoría Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento aplicada ao sector TIC, distinción que recoñece aqueles proxectos de investigación emerxentes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación. Do traballo realizado na Universidade de Vigo, titulado Contribución aos Sistemas de Distribución de Contidos en Redes Inarámicas de Datos, o COETG-AETG destaca o innovador sistema de distribución de vídeo para redes sen fíos.

Xunto con Edita de Lorenzo e Rafael Asorey, resultou premiado Andrea Penza, presidente de FITCE coa distinción de Socio de Honra 2010. O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais recaeu na compañía emprazada en Vigo Bluemobility, pola súa rede intelixente de puntos de repostaxe para vehículos eléctricos (RIRVE); o proxecto OSNETBACK, deseñado pola empresa con sede en Nigrán Open Soft Servicios Informáticos recibiu o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC; e o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC foi para a empresa Eventyam Ingenieros.