DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón destaca o seu carácter pioneiro desde o ano 2006 

A directora da Unidade de Igualdade considera “un logro colectivo” o recoñecemento Meninas da Delegación do Goberno

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/11/2021

Como “un logro colectivo do que toda a Universidade ten que congratularse” valora Águeda Gómez o recoñecemento Meninas que a Delegación do Goberno outorgou á Unidade de Igualdade da UVigo que dirixe. Co gallo do 25N, a Delegación do Goberno en Galicia recoñece “o férreo compromiso fronte á violencia machista” de persoas ou entidades das catro provincias, galardón que no caso da de Pontevedra recaeu na Unidade de Igualdade da UVigo, sobre a que o xurado explica que “se trata dunha unidade pioneira creada en 2006, antes da súa inclusión na lei de 2007, e realizou, nestes anos, unha morea de actividades como a creación de puntos lilas ou a elaboración de múltiples protocolos”. A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar na semana do 25N no Hostal dos Reis Católicos.

“Os equipos de goberno da UVigo, e os reitores Salustiano Mato e Manuel Reigosa, déronlle especial apoio á Unidade”, explica Águeda Gómez, que tamén considera o servizo como un froito das inquedanzas do profesorado, PAS e o alumnado en materia de igualdade. “Cómpre destacar a persoas como Anabel G. Penín, que lle deu un pulo bastante significativo ás actividades da Unidade”, explica Gómez, que tamén recoñece déficits como o protocolo de acoso “que non cubre todas as situacións que se poden estar a dar”. Neste sentido, a directora da Unidade de Igualdade considérao como un dos retos aos que dar máxima prioridade, “a mellora do protocolo como a busca doutras actuacións paralelas para minimizar as violencias machistas e que o espazo da Universidade quede libre de violencias machistas é prioritario”, asegura. 

Plan de choque para reequilibrar a desigualdade na investigación

Xunto ao reforzo do protocolo de acoso, a directora da Unidade de Igualdade fíxase outros obxectivos á fronte do servizo, nomeadamente os relacionados coa fenda que sofren as investigadoras na súa produción científica, respecto dos seus compañeiros varóns. “Máis alo de reforzar o ámbito do acompañamento, detección e reparación para acabar coa pedagoxía da crueldade, hai que destacar que por mor da covid a produción científicas das muller baixou, mentres a dos homes medrou”, denuncia Águeda Gómez, que tamén lamenta que no ránking da Universidade de Stanford que inclúe aos e ás investigadoras máis citados do mundo, no caso da UVigo só o 20% son mulleres. “Cómpre un plan de choque para facer unha acción positiva que poida axudar a que elas poidan reequilibrar a desigualdade, que ten ver coa fenda de coidados”, asegura a directora da Unidade de Igualdade.