DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas IX Xornadas da Conferencia de Directores de Fisioterapia que acollerá o campus o 10 e o 11 de xu

Directores das escolas de Fisioterapia trazarán un plan de seguimento dos novos graos

O evento coincide co acto de graduación da primeira promoción do Grao en Fisioterapia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 02/06/2010

O campus acollerá a vindeira semana as IX Xornadas da Conferencia Nacional de Directores de Escolas Universitarias de Fisioterapia (CDEUF), un encontro que nesta edición ten por obxectivo trazar un plan de seguimento da implantación dos títulos de grao en Fisioterapia. Terán lugar o día 10 de xuño na EU de Fisioterapia e o 11 na Casa das Campás. Trátase dunha convocatoria anual que cada curso se organiza nun centro diferente. “Este ano solicitei que se celebrasen aquí coincidindo co acto de graduación da primeira promoción do noso grao”, destaca o director da EU de Fisioterapia, Manuel Gutiérrez.
Na verificación dos títulos de grao estableceuse a necesidade de elaborar un plan de seguimento da súa implantación de cara á obtención da acreditación definitiva dentro de seis anos. Con este motivo, a Conferencia de Directores de Fisioterapia reunirase en Pontevedra para consensuar un plan para todas as escolas. “O importante é detectar os erros sobre a marcha e ir cambiando o que sexa preciso para non levar ningún susto dentro de seis anos”, subliña neste senso Gutiérrez. Para iso, José Eduardo López Pereira, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), será o guía da primeira sesión. Amosará as directrices do Plan de Seguimento dos Títulos de Grao en Fisioterapia elaborado pola ACSUG, para que cada centro poida adaptalo ás súas necesidades.

Adaptación dos diplomados

Ademais de establecer un plan de seguimento, a CNDEUF acode a esta convocatoria coa intención de abordar outros temas que lle preocupan. Un deles é a adaptación dos diplomados ao novo título de grao. “Nós xa puxemos en marcha un curso para levar adiante esa adaptación, pero o Ministerio de Educación non se pronunciou aínda sobre como debe ser este proceso”, indica Manuel Gutiérrez. Comenta tamén que moitos centros incluíron na súa memoria de verificación do grao un apartado dedicado ao xeito de desenvolvelo. Non obstante, agora cómpre facer unha posta en común para deseñar unha proposta conxunta e trasladarlla ao ministerio.
Segundo o director da EU de Fisioterapia, existen tamén dúbidas sobre os contidos que deben abranguer os traballos de fin de grao, polo que aproveitarán para formulalas e debater sobre elas, así como para expoñer outras cuestións relativas ao funcionamento ordinario das escolas, na sesión plenaria que realizarán no segundo día das xornadas. Por todo isto, fai fincapé en que será un encontro moi produtivo.

Pioneiros na implantación de Boloña

A EU de Fisioterapia foi pioneira na implantación dos graos no campus, facéndoo ademais en bloque para os catro cursos da súa titulación. O director da escola considera que o proceso foi doado, posto que xa estaban desenvolvendo unha experiencia piloto de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. “Para nós foi un paso máis dun proceso que xa iniciaramos”, comenta ao respecto. Asegura que os docentes do centro xa tiñan realizado cursos de actualización nesa liña e que xa estaban aplicando metodoloxías de ensino e avaliación novas nas súas aulas. O máis difícil do proceso, segundo Gutiérrez, foi compaxinar a diplomatura e o grao, pois déuselles a oportunidade ao alumnado de rematar os seus estudos polo plan antigo. Explica que “isto requiriu un dobre esforzo, porque houbo que duplicar as clases dalgunhas materias, impartíndoas nos dous cuadrimestres para cursos diferentes”.