DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais

Directores e produtores galegos de prestixio formarán aos futuros profesionais do cine e a TV

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 21/09/2010

Non hai que marcharse a Hollywood para atopar profesionais cinematográficos de prestixio e recoñecemento internacional. Nados en Galicia e cunha traxectoria de éxito, un grupo de directores e produtores do país tomarán parte como docentes no Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais que bota a andar na súa primeira edición este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A súa coordinadora, a profesora Anna Amorós, destaca a importancia de que sexan profesionais galegos os que formen aos futuros directores, produtores e guionistas. Ao longo do ano pasarán pola facultade nomes tan coñecidos como Ángel de la Cruz, que será o que abra o curso esta semana, gañador de varios Goya por El bosque animado e Sueño de una noche de San Juan. Como guionista e director obtivo en 2002 o Goya á mellor película de animación e á mellor canción orixinal por El Bosque animado, que foi galardoada tamén con sete premios Mestre Mateo e o Premio á mellor película de animación no Festival Internacional de Rimouski, en Québec. Con Sueño de una noche de San Juan obtivo o Goya á mellor película de animación e dous Mestre Mateo. No pasado ano dirixiu e produciu, ademais de ocuparse do guión, de Los muertos van deprisa, longametraxe coa que acadou nove premios Mestre Mateo.

Tras De la Cruz, ao longo do curso o alumnado do mestrado poderán coñecer de primeira man a experiencia profesional de outros destacados membros do sector audiovisual galego como Enrique Nicanor ou Carlos López Piñeiro.

Un mestrado inédito

Segundo explica a profesora Amorós, este é un mestrado inédito que se estrea neste curso na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “tanto dentro do panorama académico galego como español”. A formación que oferta "vén a cubrir un baleiro existente dentro do sector audiovisual, a falta de profesionais especializados na creación e escritura de guións para cine e televisión e no deseño e desenvolvemento de contidos audiovisuais, tanto para medios tradicionais como para os novos soportes”.

A posta en marcha do mestrado xorde a raíz, en palabras da coordinadora, “do crecemento do sector audiovisual galego xunto co avance das tecnoloxías da comunicación, que están facilitando ao sector novas fiestras de explotación e un amplo abano de posibilidades de negocio”. Internet, as novas canles de TDT e mesmos os produtos audiovisuais para consumo a través de telefonía móbil fan precisa unha formación específica para os novos profesionais “tanto na creación de contidos adaptados ao novo contexto como na súa correcta promoción e comercialización, área na que a industria audiovisual española sempre fraqueou”. A formación que ofrece este novo mestrado permitiría “sen dúbida unha maior competitividade do conxunto das nosas empresas a nivel internacional”.

O mestrado, cun plan de estudos profesionalizante, de periodicidade anual, conta cun total de 60 créditos, 6 deles de prácticas externas en produtoras e 12 do traballo fin de mestrado. Ata o vindeiro mes de maio, o alumnado poderá especializarse na creación e escritura de guións audiovisuais, no deseño e desenvolvemento de contidos para os novos soportes e na adaptación de guións e contidos duns medios a outros, para podelos comercializar e difundir nos diferentes mercados.

Entre os avais cos que conta o mestrado cabe subliñar o da Asociación Galega de Guionistas, a Federación de Asociaciones de Guionistas de España ou o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Asociación de Periodistas de Galicia.

Un plantel de docentes de prestixio

Xunto con Ángel de la Cruz, que foi ademais preseleccionado con El bosque animado para os Óscar 2002 como mellor longametraxe de animación, o mestrado contará tamén coas achegas de Jorge Algora, guionista, director de cine, documentalista e realizador de televisión e publicidade; Carlos Ares, un dos principais guionistas e produtores das series televisivas galegas; Enrique Nicanor, director do Festival Internacional de Cine de Ourense, realizador e guionista de programas e documentais de TVE, Premio Ondas ao conxunto da súa obra en televisión en 1983, director da Segunda Canle de TVE nese mesmo ano, colocando na grella programas de referenza da historia de TVE como Documentos TV, La Edad de Oro, Metropolis, Si yo fuera Presidente...”, explica Amorós, que engade que en 2005 recibiu a Medalla de Ouro da Academia Galega do Audiovisual. Finalmente, completa o plantel de profesionais audiovisuais que participan no mestrado Carlos López Piñeiro, guionista-produtor dende 1976 e gañador entre outros do Premio Historia da Galicia Cinematográfica en 1995 e 1993 e Premio de Honra Mestre Mateo en 2006 como co-fundador do Equipo de Cine Imaxe creado no ano 1975.