DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintena de persoas participan nas xuntanzas hoxe e mañá 

O directorio de recursos compartidos e o acceso a infraestruturas de investigación centran a reunión que membros de ATHENA celebran no campus 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/12/2022

Este xoves e venres preto dunha vintena de persoas participan de xeito presencial e virtual no Cacti do campus de Vigo en dúas xornadas de traballo da European Universities ATHENA, da que a UVigo é entidade socia. “Esta reunión está destinada especialmente aos representantes do Athena Research Board, así como a futuros membros ou entidades asociadas en Athena que desexen actualizar ou refinar as entradas no directorio de recursos compartidos da European Universities Athena”, explica Eva Garea Oya, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da Universidade de Vigo. 

As vicerreitoras da Investigación, Belén Rubio, e de Internacionalización, Maribel del Pozo, e representantes das universidades de Maribor, Siegen, Orléans, Niccolò Cusano, Hellenic Mediterranean University, Vilnius Gediminas Technical University, Maria Curie-Sklodowska University, do Instituto do Porto e da Carinthia University of Applied Sciencies participan de xeito presencial e virtual nas sesións de traballo de hoxe e mañá, nas que ademais da presentación do Shared Resources Directory (ShRD), tamén se compartirá o informe de progreso de actividades de ATHENA realizadas dentro do paquete de traballo 4 de investigación. “Tamén se debaterá sobre o acceso aberto ás infraestruturas de investigación dos socios do proxecto e as persoas que se atopan en Vigo poderán visitar as novas infraestruturas de investigación no Cacti, Cinbio e Cintecx”, sinala Eva Garea.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foi o encargado esta mañá de dar a benvida ás persoas participantes nas sesións de traballo e de destacar a importancia que para a institución académica viguesa ten participar en ATHENA. 

O catálogo de recursos compartidos

O Shared Resources Directory é o paso preliminar para desenvolver o Modelo de Cooperación ATHENA para I+D, que consiste en identificar campos e temas comúns de I+D con potencial para acadar un progreso substancial mediante a cooperación dentro da alianza. “Para tal fin, utilízase un cuestionario para recoller datos de forma estandarizada e comparable. O compendio de campos de I+D permitirá á asociación ATHENA identificar oportunidades de cooperación, servindo como áreas de enfoque para a implantación de servizos de apoio dentro do Modelo de Cooperación para I+D”, detalla a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da Universidade de Vigo.