DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCXX e do Traballo acolle unha xornada sobre a promoción da mediación como política de benestar

Ante a disputa, mediación; fronte a cultura do conflito, cultura de paz

O vogal do Consejo General del Poder Judicial, Antonio Dorado, abriu os relatorios

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 14/04/2011
Interdisciplinar, efectiva e motor da cultura da paz, a mediación ten xa contrastada a súa utilidade na resolución de conflitos en ámbitos tan diversos como o escolar, o acoso laboral, os procesos de separación ou divorcio, ou mesmo con menores infractores. Fronte á cultura do conflito e do enfrontamento e ante a tendencia a xudicializar case calquera problema, os procesos de mediación teñen ganado un papel moi relevante que, durante esta semana está a ser analizado na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ao abeiro dunhas xornadas sobre a promoción destes procesos como política de benestar para adultos e menores.

No acto de inauguración, tanto as organizadoras, as profesoras Esther González Pillado e Francisca Fariña, como os representantes da Xunta de Galicia, Susana López Abella, secretaria xeral de Familia e Benestar e Juan José Martín, director xeral de Xustiza, coincidiron en salientar a necesidade da mediación como ferramenta ante un exceso de xudicialización. As promotoras deste evento destacaron o seu carácter multidisciplinar, xa que a mediación involucra tanto aos xuristas como a psicólogos, educadores sociais, asistentes sociais, etc. e subliñaron que esta vía de resolución de conflitos redunda sempre “no benestar da cidadanía".

Dende a administración autonómica amosaron o seu total convencemento da idoneidade desta figura, sobre todo en casos relativos a menores, como os de separación ou divorcio dos proxenitores. A secretaria xeral de Familia salientou que a mediación achega sempre unha atmosfera positiva da que se benefician os fillos “xa que impide que sexan utilizados como moeda de cambio entre os pais, prevéñense as respostas negativas e redúcese o custo emocional”. Apuntou López Abella que en Galicia hai inscritos 315 profesionais da mediación e que en 2010 se recibiron 17 solicitudes de mediación, unha cifra que aumenta a 71 cando se refire á mediación intraxudicial. Pola súa banda, o director xeral de Xustiza animou ao alumnado presente a valorar a opción de da mediación como futuro laboral.

A vía alternativa da mediación

As xornadas deron comezo onte mércores con dous seminarios destinados ao alumnado sobre a mediación con implicación de menores, por exemplo na resolución de conflitos no ámbito escolar e outro sobre a mediación nas familias antes os procesos de divorcio.

Tras o acto inaugural deste xoves da man do vicerreitor de Economía e Planificación, a xornada centrouse nunha visión xurídica, coa intervención en primeiro termo de Antonio Dorado, vogal do Consejo General del Poder Judicial. Segundo subliñou que nun momento no que o sistema non é capaz de facerse cargo do exceso de xudialización, a mediación preséntase como unha vía óptima de resolución de conflitos. “Cada vez hai máis xente que acude aos tribunais, falamos de 9.500.000 de asuntos anuais para 4500 xuíces” e isto é un freo para unha xustiza eficaz e áxil. Ante este aumento da litixiosidade que representa máis de20 asuntos por cada 100 habitantes, Dorado apunta á mediación como un proceso “áxil e breve, onde non hai culpables e ao que se acude libremente” en temas nos que a intervención dun xuíz non é imprescindible.

Tras el interveu Fernando de Rosa, vicepresidente do CGPJ e o catedrático de Dereito Procesal da Pablo Olavide. O programa chega mañá venres ao seu fin cunha xornada centrada nos menores infractores, que se abrirá ás 10.00 horas cun obradoiro cos profesores da Universidade de Vigo, Esther González Pillado, Mª Dolores Fernández Fustes e Pablo Grande Seara. Xa na tarde, David B. Wexler, do Rogers College of Law de Arizona falará de xustiza terapéutica e pechará as xornadas unha mesa redonda sobe a perspectiva práctica da mediación cos menores infractores na que participarán Esther González Pillado; Juan Luis Basanta, psicólogo do Equipo Técnico de Menores e Ourense; Francisco Sánchez Reboredo, maxistrado-xuíz de Menores de Pontevedra; Encarnación Bullón, coordinadora da Fiscalía de Menores de Pontevedra e Helena Sotelo, profesora da Universidade Carlos III de Madrid.