DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolleu a presentación do libro ‘La revolución feminista en las aulas’

"A disputa por unha sociedade máis igualitaria” comeza nas aulas

Nunha actividade promovida con motivo do Día Internacional da Nena 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/10/2022

“A disputa por unha sociedade máis igualitaria está nas aulas”. Con esta idea como punto de partida, a catedrática de Filosofía no ensino secundario Chis Oliveira e a politicóloga Cristina Retamozo puxeron o foco na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no papel das e os docentes na loita conta o sexismo e a discriminación por razóns de xénero. Fixérono nunha actividade promovida pola Comisión PEA-Unesco do centro con motivo da conmemoración, este martes, do Día Internacional da Nena, na que presentaron o seu novo libro La revolución feminista en las aulas (Catarata, 2022). Trátase, como explicaron, dunha adaptación en castelán da súa publicación anterior, Comando Igualdade, na que daban conta da experiencia levada a cabo as aulas do IES Alexandre Bóveda de Vigo, na que Oliveira foi docente e Retamozo alumna. Dirixido a achegar á mocidade un conxunto de recursos para abordar temas como a igualdade, as masculinidades ou o amor romántico, este libro fai balance, como lembrou neste acto a profesora Rexina Vega, do “proxecto colectivo” levado a cabo neste instituto vigués, no que os propios adolescentes xogan un papel activo na súa formación en feminismo. Un proxecto que, como lembrou Oliveira, ten como lema que “ou estamos pola solución ou seguimos a ser parte do problema”.   

Nese senso, Rexina Vega incidiu en que esta actividade tiña como obxectivo achegar ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria “instrumentos para traballar nas aulas”, a través dunha publicación na que presenta “as diferentes iniciativas” impulsadas no marco do Comando Igualdade. Nese senso, Vega puña o foco na importancia da educación nun ámbito no que “non podemos retroceder en ningún momento”, tras facer alusión ao episodio vivido nos últimos días nun colexio maior de Madrid.

O compromiso das “primeiras referentes” de nenos e nenas

“A educación en igualdade sementa os piares da nosa identidade, da nosa construción persoal no afectivo, no sentimental, no amoroso, no sexual..., en definitiva, en todos os temas que constitúen a nosa identidade”, salientou Oliveira, cuxa traxectoria neste ámbito foi merecedora de recoñecementos como o Premio de Igualdade Ernestina Otero do Concello de Vigo. Partindo desta idea, a impulsora do Comando Igualdade e Retamozo, actual coordinadora externa do proxecto e responsable da Canteira de Igualdade da Deputación de Pontevedra, centraron a súa intervención en facer conscientes os alumnos e alumnas do seu futuro papel na loita contra a desigualdades. “Ides ser as súas primeiras referentes”, lembroulles Retamozo. De aí que incidise na importancia de que “a igualdade estea nas aulas”, tanto por “responsabilidade social”, como polo feito de que a coeducación forma parte dos contidos recollidos nos currículos educativos. “Se alguén sae da facultade sen saber que á coeducación e como levala ás aulas, vai ser un mal educador”, concluíu a conferenciante, que animou aos asistentes a preguntarse se querían “un futuro igualitario, no que as nenas sexan libres de escoller profesión e ter relacións libres e sas e os rapaces poidan establecer vínculos que non teñan que ver coas masculinidades hexemónicas”.

Partindo dese cuestionamento, Oliveira salientou a importancia de que as os docentes teñan “unha actividade crítica e reflexiva” e busquen contribuír “na medida da súas posibilidades” á educación en igualdade. “Para cambiar as cousas, hai que actuar”, subliñou esta docente, para quen as e os docentes que “non apostan por ningún tipo de solución”, exercen como “canle de transmisión dun estado das cousas inxusto, desigual, antidemocrático e misóxino”.  

Como facer fonte ao “efecto rebote” 

Tras pór de relevo a necesidade dun “compromiso persoal”, Oliveira e Retamozo centraron a súa intervención en como levar esta formación ás aulas, pondo o foco na importancia da metodoloxía, de “ensinar a través da pregunta, incentivando o espírito crítico”. Neste punto, Oliveira presentou como unha das tarefas máis relevantes das e os docentes en ámbitos como o ensino secundario ter en conta o “efecto rebote”, o posible rexeitamento do alumnado a unha aprendizaxe que “está a provocar cambios na súa comprensión da realidade”. Neste punto, recalcou a importancia de evitar “converterse na inimiga do alumnado que se rebota” e de “escoitar e tratar de argumentar e, sobre todo, non perder o punto afectivo”. Como exemplo, relatou ao alumnado a experiencia vivida no IES Alexandre Bóveda co “proxecto bata”, no que empregaron unha prenda vinculada “ao traballo non remunerado que as mulleres fixeron historicamente” para abordar diferentes cuestións relativas á igualdade a través do traballo cun elemento que as e os estudantes asociaban ás nais, avoas ou familiares.