DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro

O distintivo Gal Ego recoñecerá as escolas e facultades da UVigo que fomenten o uso da lingua galega

Concederase un cada ano e cunha vixencia de catro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/06/2023

De igual modo que fixera hai dous anos co Distintivo de Igualdade, a Universidade de Vigo pon en marcha de cara o vindeiro curso un novo recoñecemento, desta volta, para incentivar o emprego da lingua galega nas facultades e nas escolas da Universidade de Vigo en todas as súas actividades. Trátase do Distintivo de Galeguización Gal Ego, unha convocatoria coa que, como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, se pretende “levar os equipos directivos á reflexión sobre a importancia do uso do galego, especialmente, pero non só, na nosa institución”. 

Para obter este distintivo valoraranse, como detalla a vicerreitora, “accións que son habituais nos centros, como materias impartidas, cursos homologados, persoas de enlace, páxina web, comunicación interna e externa e actos institucionais, pero que, ás veces, non se escolle conscientemente a lingua oral ou escrita que se emprega”. Polo tanto, engade, “a nosa intención é tanto recoñecer a opción dos centros que habitualmente empregan o galego, como animar a aqueles que aínda non teñen esta elección interiorizada como súa”.

Un distintivo cada ano e unha vixencia de catro

O distintivo de galeguización outorgaráselle anualmente á facultade ou á escola que máis puntuación obteña na convocatoria. Terá unha vixencia de catro anos, período tras o cal o centro deberá presentarse de novo para a renovación. As escolas e facultades seleccionadas cada ano lucirán unha insignia que se exporá publicamente no centro e recibirán tamén unha contía económica de 3000 euros destinada a desenvolver actividades ou iniciativas que empreguen o galego. 

A comisión avaliadora analizará todas as propostas atendendo a unha serie de criterios, como o número de materias impartidas en lingua galega, que valerá o 20 % da puntuación; o número de PDI e de PAS con cursos de galego homologados, que sumará ata o 5 %: a existencia dunha persoa de enlace de lingua galega, ata outro 5 %; a realización de actividades e accións en lingua galega, cun peso de ata o 15 %; o feito de contar coa páxina web en lingua galega, ata outro 20 %; a comunicación interna e externa en lingua galega, tamén ata o 20 % e, finalmente, a celebración dos actos institucionais en lingua galega, que se valorará ata o 15 %. Esta comisión estará formada pola propia Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais e Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, técnicas da Área de Normalización Lingüística, será a encargada de valorar os méritos de cada candidatura. 

O prazo de solicitude, ata o 30 de setembro

O prazo de presentación das solicitudes xa está aberto e rematará o 30 de setembro. As propostas deberán ser remitidas por unha persoa integrante do equipo directivo ou decanal da facultade ou da escola a través da sede electrónica XER-Instancia xenérica (PAS/PDI) dirixida á Área de Normalización Lingüística, indicando no asunto ‘Distintivo de galeguización’, así como a facultade ou a escola que o remite. Ademais, xunto coa solicitude, deberase presentar a declaración responsable que figura no anexo II e un documento cunha serie de datos que se pode consultar nas bases da convocatoria.